García lembrou o esforzo da Administración galega co colectivo de persoas con discapacidade a través do incremento nun 5% dos convenios de colaboración coas entidades que traballan neste ámbito
A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez, visitou esta mañá a mostra da Federación Autismo Galicia no marco do proxecto “CapacitARTE. Así somos. Así o facemos’, que ata o vindeiro día 7 de xuño se poderá visitar no espazo da pirámide do edificio da Xunta de Galicia en San Caetano. A exposición está formada por unha vintena de fotografías e texto explicativo que reflicte o día a día deste colectivo, así como as actividades e programas que levan a cabo as 14 entidades que integran a federación.
A campaña “CapacitARTE”, que se está a desenvolver nas instalacións de San Caetano e que consiste na realización de exposicións monográficas sobre os servizos e proxectos que levan a cabo cada unha das entidades que forman parte do Cermi-Galicia, ten como obxectivo dar visibilidade ás persoas con distintas capacidades, ao mesmo tempo que o movemento asociativo pode contar dunha maneira máis exhaustiva o labor que fan.
Na súa intervención, Fabiola García trasladou o seu recoñecemento polo labor de Autismo Galicia, que “destaca pola súa dedicación infinita ás persoas con trastorno do espectro autista e ás súas familias e pola especificidade dos servizos que presta a través de profesionais moi cualificados”. Así mesmo, o seu traballo “non só mellora a calidade de vida dos usuarios, senón que é capaz de concienciar á cidadanía e institucións de que os atrancos e as barreiras só existen nas nosas cabezas”, engadiu a directora xeral. García reiterou o compromiso permanente e irrenunciable da Xunta de Galicia de contribuír á inclusión real e á igualdade de oportunidades das persoas con autismo e avogou por “continuar traballando man con man coas entidades, seguido sempre ao carón delas facilitándolles os recursos que precisan para que poidan levar a cabo mellor a súa tarefa”. E, ao fío, lembrou que froito deste compromiso o Goberno galego vén de incrementar nun 5% os convenios de colaboración coas entidades que traballan no ámbito da discapacidade.
Logo da exposición de Autismo Galicia, o espazo da pirámide do edificio da Xunta de Galicia en San Caetano acollerá a mostra da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG).
- Te recomendamos -