Un total de 15 participantes competiron nas finais destas dúas modalidades celebradas hoxe no Albergue xuvenil de Gandarío
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, asistiu hoxe no Albergue xuvenil de Gandarío á fase final das especialidades de graffiti e skate do programa Xuventude Crea 2018, unha iniciativa da Consellería de Política Social que ten por finalidade establecer unha vía para que a xuventude poida expresar o seu talento, creatividade e innovación.
Na modalidade de graffiti nove participantes realizaron en directo os seus proxectos finalistas: Aaron Fernández Martínez (Vigo) co proxecto “A vida que se ve”, Aldara Rodríguez Patiño (A Coruña) co traballo “Amodiño”, Víctor Incio del Río con “Graffiti”, Ismael Pérez Fernández (A Coruña) coa obra “Serpe”, Daniel Mayobre López (A Coruña) con “Saudable”, Enrique Gistau Feijoo (Ourense) co proxecto “Eu avó”, Miguel Aurelio Cajaraville Mosquera (Baiona) coa obra “Utopía del Norte”, Adrián Lomba Balea (Vigo) co traballo “1.
D.
O.
L.
M.3.
N”, e Enrique Facal Vázquez (Abegondo) con “Noches esperadas”. Cómpre destacar que nesta disciplina artística, os finalistas contan cunha axuda para gastos de material por un importe de 350 euros. Ademais, os proxectos premiados son seleccionados en función de criterios como o deseño, a estrutura, o tema e o colorido.
Na especialidade de skate foron seis os mozos que mostraron as súas intervencións: Roberto Fernández Molanes (Vigo), Ismael Pérez López (Narón), Sergio Verdeal Tenorio (Cangas do Morrazo), Fidel González Bernárdez (Cangas), Álvaro Mondragón Sampedro (A Coruña), e Juan Cea Aguiar (Sada). A novidade nesta edición é a introdución de dúas disciplinas: street e mini-rampa. A complexidade dos trucos, a estabilidade das persoas participantes, o aproveitamento dos módulos e a fluidez do estilo determinaron os gañadores.
Pola súa parte, Cecilia Vázquez destacou a consolidación do programa Xuventude Crea “como a maior expresión das posibilidades creativas da xuventude galega”. Ademais diso, recordou que “os proxectos presentados foron ideados e executados polos mozos e mozas, unha mostra do seu talento, creatividade, esforzo e traballo”. Así mesmo, asegurou que desde o Goberno galego seguirase a apostar e a impulsar iniciativas como esta “para que a xente nova facilite a súa apertura de cara á novidade da expresión artística, a innovación ou o descubrimento”.
Na edición do 2018 presentáronse 257 proxectos individuais e en grupo, para as trece especialidades no que están a participar un total de 357 mozos e mozas. O premio en cada modalidade é de 3000 euros para o proxecto gañador, 1500 euros para o segundo e 1000 euros para o terceiro clasificado.
A directora xeral lembrou que ao longo dos meses de novembro e decembro celebraranse as fases finais do resto de especialidades. A próxima será a de teatro, que terá lugar na Casa da Cultura do Concello de Serra de Outes a vindeira semana, de mércores a venres.
- Te recomendamos -