O xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, compareceu hoxe no Parlamento galego para dar conta do realizado ata agora no CIAE 112
O xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, puxo hoxe en valor as distintas melloras realizadas no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE 112) da Estrada, tanto a nivel tecnolóxico, como de persoal ou calidade do servizo.
Así o sinalou hoxe durante unha comparecencia no Parlamento galego, onde deu conta do balance realizado ata agora e se referiu tamén a algún dos obxectivos marcados de cara ao próximo ano.
Entre outros logros acadados, citou o incremento no persoal do CIAE 112, ademais doutras melloras como o reforzo e potenciación das canles de comunicación á poboación; as melloras das transmisións de voz, imaxe e vídeos desde o Posto de Mando Avanzado; ou a implantación de novidades tecnolóxicas na sala de crise do CIAE 112.
Do mesmo modo, tamén se levaron a cabo melloras de coordinación, como o establecemento da prioridade das chamadas dos alcaldes e alcaldesas cando se produce unha emerxencia, que agora dispoñen dun acceso directo á sala de enlace.
Ademais, este ano implantouse o protocolo E-Call, que permite comunicar os vehículos que teñan instalado este sistema co CIAE 112, ben de forma manual por parte do usuario ou de xeito automático en caso de accidente grave. Tamén se conseguiron melloras no servizo a usuarios con discapacidade auditiva que, grazas a un aplicativo da Amtega, poden comunicarse co 112 a través dun intérprete.
Obxectivos en 2019Na súa intervención, Araújo tamén adiantou que a Xunta potenciará de cara o 2019 o Grupo de Apoio Loxístico de Atención ás Emerxencias (GALI), así como tamén anunciou que se seguirá traballando para afondar no proxecto de cooperación transfronteiriza con Portugal (ARIEM+).
En concreto, precisou que nos últimos anos non deixou de incrementarse a demanda e actividade do GALI, un recurso especializado que cubre as necesidades operativas dos servizos de intervención directa e que presta apoio en situacións como grandes emerxencias ou na procura de persoas desaparecidas. Este incremento da súa actividade, xunto cunha maior dotación do equipamento que emprega (drons, bombas de achique…), fai preciso incrementar a súa dotación orzamentaria para adaptalo á súa nova realidade.
Do mesmo xeito, tamén se continuará traballando na cooperación en emerxencias co norte de Portugal, grazas ao proxecto Ariem+, para afondar na colaboración entre Galicia e o Norte de Portugal naquelas situacións que afecten á zona fronteiriza.
Esta mellora da colaboración é tamén un dos principais obxectivos da integración de distintos grupos operativos de emerxencias no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE 112) da Estrada, que continuará o próximo ano. Este ano incorporáronse efectivos da Policía Autonómica e do 061, e agora o obxectivo marcado é traballar de cara a integración doutros servizos como a Garda Civil (do que xa se levou a cabo a tramitación administrativa), Policía Nacional e Local, bombeiros, etc…
- Te recomendamos -