A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago na clausura das xornadas sobre inspección laboral que organizou en Santiago a Unión Progresista de Inspectores de Traballo (UPIT) en colaboración coa Administración autonómica
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, puxo hoxe en valor o traballo que desenvolve a Inspección laboral e a súa contribución ao crecemento económico e ao incremento da competitividade do tecido empresarial, así como á mellora das condicións laborais dos traballadores. Destacou, ademais, a importancia da colaboración entre empresarios, traballadores, axentes sociais e a Administración para garantir a calidade no traballo na súa intervención na clausura das xornadas sobre inspección de traballo que organizou en Santiago a Unión Progresista de Inspectores de Traballo (UPIT), en colaboración coa Administración autonómica.
Toca apuntou que a mellora do mercado laboral de Galicia é unha prioridade para o Goberno galego e, por iso, avanzou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a reforzar este ano as actuacións para asegurar o cumprimento das normas de traballo. Neste senso, explicou que as actividades que realiza a Xunta neste eido están en concordancia co Plan estratéxico da Inspección de Traballo e Seguridade Social 2018-2020 co reto de garantir nas empresas a prevención de riscos laborais, o desenvolvemento das relacións laborais e das normas referidas ao ámbito da Seguridade Social e a loita contra a economía irregular.
Deste xeito, a Inspección de Traballo realizou nos tres primeiros meses do ano preto de 200 actuacións ao día. Ao longo de 2017 levou a cabo preto de 70.000 actuacións das que 3886 remataron cunha acta de infracción (5,5%). Un total de 38.926 correspondéronse coa campaña específica en materia de emprego non declarado ou economía irregular (55,7%), das que 2462 remataron cunha infracción. Grazas a esta campaña e, tal e como afirmou Toca, afloraron 3446 empregos en Galicia. Ademais, acadouse a conversión de 4859 contratos temporais en indefinidos.
O obxectivo este ano é incrementar nun 1,7% as actuacións en xeral, coas que se busca velar por que as condicións de traballo sexan as correctas para dar resposta e actuar fronte a calquera tipo de denuncia que poida supoñer a vulneración dos dereitos dos traballadores e traballadoras.
Para iso, a secretaria xeral de Emprego avanzou que proximamente reforzarase o cadro de persoal da Inspección de Traballo en Galicia para impulsar novas accións. En 2018, así mesmo, Toca apuntou que o Plan de Actividades da Inspección inclúe campañas informativas sobre as obrigacións básicas en materia laboral e de prevención de riscos laborais para todos aqueles emprendedores que contraten traballadores por conta allea.
Tamén este ano estanse a reforzar as actuacións para asegurar o cumprimento das normas de igualdade e non discriminación con campañas específicas sobre o control de elaboración e aplicación dos plans de igualdade nas empresas, facendo fincapé na supervisión da fenda salarial e da negociación colectiva para evitar cláusulas discriminatorias.
O obxectivo último, en palabras de Toca, é seguir avanzando no traballo desenvolvido nos últimos anos, un labor que permitiu desde 2012 que afloraran en Galicia máis de 25.000 empregos e a conversión en indefinidos de case 22.000 contratos temporais.
- Te recomendamos -