A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, destacou hoxe en Vigo a importancia da colaboración entre os científicos, o sector e a Administración para avanzar na cogobernanza dos océanos. Nesta liña puxo en valor o labor dos centros de investigación da Consellería do Mar, que son o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), e subliñou que a investigación mariña é para a Xunta unha materia blindada e por iso, sinalou, mantivo a súa inversión estable e á alza.
De feito, expuxo, o Intecmar acada este ano con 3,3 millóns de euros, o orzamento máis alto dos últimos sete exercicios, e o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) superou os 3,5 millóns de euros para avanzar na consecución de proxectos europeos. Así o sinalou a directora xeral no VI International Symposium on Marine Sciences, un evento que se celebra con periodicidade bianual desde 2007 e que é froito da unión de esforzos das seis universidades españolas que imparten o grao de Ciencias do Mar. Este simposio, engadiu Mercedes Rodríguez, serve para a difusión científica dos resultados obtidos nas diferentes áreas de investigación mariña.
- Te recomendamos -