Inicio Galicia A Xunta pon en marcha unha campaña para previr o consumo de...

A Xunta pon en marcha unha campaña para previr o consumo de alcol entre a mocidade e de promoción do ocio saudable

0

A iniciativa desenvolverase durante os meses de novembro e decembro a través de accións na rúa coa instalación dunha ‘foodtruck’ na que se dispensará información, material de promoción e bebida sen alcol


A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou hoxe na presentación da campaña Happy Hour: engánchate á vida sa, centrada na prevención do consumo de alcol entre a mocidade. Esta acción está vinculada ao programa Vitalízate que levan a cabo os centros Quérote+ da Xunta e que ten como obxectivo informar á xente nova sobre as consecuencias do consumo de drogas e fomentar a toma de decisións responsables.

Cecilia Vázquez explicou que a campaña levarase a cabo durante este mes de novembro e o vindeiro de decembro a través de accións na rúa cunha foodtruck en varias localidades. Nesta instalación dispensarase información, material de promoción e ofrecerase ás persoas que se acheguen bebida sen alcol. Maña xoves a iniciativa desenvolverase nas inmediacións da Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo.

Neste sentido, a directora xeral referiuse a esta nova actividade como “un labor de participación e sensibilización social que reforza a intervención que realizan os técnicos do servizo Quérote+ neste eido ao longo de todo o ano”. Así mesmo, indicou que o obxectivo é incidir na promoción de cero consumo de alcol entre a xuventude, fomentar os hábitos de vida saudables, informar sobre as consecuencias do uso e abuso do alcol e formar aos mozos e mozas en habilidades para o manexo da presión grupal e social cara o consumo de alcol.

Por último, Cecilia Vázquez chamou a atención sobre o feito de que o alcol é a droga máis consumida ente a poboación en xeral e en particular entre a xuventude, que o vincula ao ocio da fin de semana. De feito, segundo o informe do Plan Nacional sobre Drogas 2016/2017, oito de cada dez menores de entre 14 e 18 anos consumiron alcol no último ano, mentres que sete de cada dez fixérono durante o último mes.


- Te recomendamos -