Inicio Galicia A Xunta pon en marcha unha campaña de reciclaxe de pilas entre...

A Xunta pon en marcha unha campaña de reciclaxe de pilas entre os escolares galegos para evitar o dano deste residuo perigoso ao medio

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda salienta que aínda que poida parecer unha material pequeno e inofensivo, trátase do residuo máis perigoso e contaminante xerado polas persoas

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou esta mañá unha nova campaña de concienciación para incrementar a reciclaxe de pilas, baterías e cargadores, co fin de evitar o dano que este residuo perigoso provoca no medio ambiente.

A conselleira de Medio Ambiente visitou esta mañá o CEIP Nosa Señora de Xuvencos, de Boborás, onde presentou o Concurso Pilabot, que ten como obxectivo fomentar a recollida de pilas e acumuladores portátiles (baterías) nos colexios de toda Galicia e que se pon en marcha coa colaboración dos xestores de Ecopilas, ERP e Ecolec, que terá como mascota a un simpático robot chamado Pilabot.

Salientou que aínda que as pilas podan parecer un residuo pequeno e inofensivo, “é o residuo perigoso e o máis contaminante xerado polos humanos”, polo que é moi importante tratalo axeitadamente para evitar danos ao medio ambiente. A modo de exemplo, citou que unha pila de botón, como a que se emprega nun reloxo, pode contaminar ata 600.000 litros de auga, o que equivale ao consumo de 30 persoas durante toda a súa vida.

Destacou que é primordial que cada residuo se deposite en cada colector para darlle o tratamento axeitado, polo que cada cidadán cos xestos sinxelos, como a correcta separación dos refugallos que xere no seu fogar, é unha medida impagable para a conservación do medio ambiente.

Vázquez Mejuto salientou que no caso das pilas, estas atópanse en múltiples dispositivos, como xoguetes, mandos a distancia, cámaras, lanternas, reloxos, calculadoras….. polo que esta actitude de correcta separación non só se debe manter nos fogares, senón tamén nos traballos, centros de ocio e colexios, desde onde trasladar ás futuras xeracións a importancia de separar ben e depositar estes residuos nos contedores específicos.

Sumarse á campañaA conselleira invitou aos colexios de Primaria e Secundaria a participar nesta campaña, anotándose na web www.pilabot.gal, para recibir os bidóns recolectores de pilas e material informativo.

A campaña tamén incluirá actividades informativas e charlas educativas nos centros, coa entrega de información e material sobre a campaña, e sobre a reciclaxe de pilas, así como actividades participativas e tamén se organizará un concurso de fotografía creativa #eusonpilabot, no que as tres fotos con máis “me gusta” tamén acadarán un premio.

Destacou a idoneidade desta campaña neste momento, pois os alumnos comezan a adquirir coñecementos sobre a reciclaxe de pilas, nunha época de gran consumo de pilas e acumuladores portátiles, como é o Nadal.

Así, estableceranse catro premios, que dous – de 2.500 euros- para o centro que máis quilos de pilas reúna desde o inicio da campaña ata febreiro e tamén para o centro que máis quilos recolla por alumno; tamén se fixa un galardón de 1.250 euros, cada un, para o centro que quede en segunda posición en ambas categorías.Ángeles Vázquez salientou que as campañas de concienciación son importantes para que a sociedade en xeral coñeza os problemas aos que se enfronta o medio ambiente e como se poden afrontar.

Afirmou que nos últimos anos se ten incrementado a concienciación da poboación con respecto ao tratamento das pilas, pero aínda queda camiño por andar; sobre todo para mellorar as cifras de 2017 (último ano do que se teñen datos completos) cando se rexistrou unha cifra de 225.356 quilos de pilas recollidas, o que supón un incremento dun 23% nos últimos 9 anos.

Por último, engadiu que reciclando este residuo non só se evita a contaminación, senón que tamén reducimos a extracción de novas materias primas preservando os recursos naturais e reducindo o elevado consumo enerxético e a contaminación que provoca a transformación de novas materias primas en produtos finais.


- Te recomendamos -