A Rede está integrada por 44 centros, 10 máis dos previstos, que facilitarán cobertura visual de 1,5 millóns de hectáreas, incluíndo terreos das 73 parroquias de Alta Actividade Incendiaria
A Rede de Videovixilancia Forestal da Xunta entrou en funcionamento a pasada semana coa activación de 20 das 88 cámaras que integran a plataforma. O sistema incorpora as melloras ofertadas pola empresa adxudicataria, a galega Itelsis, que incrementou o número de centros de 34 a 44, o que permitirá monitorar o 54% do territorio, fronte ao 48% inicial.
A Rede de Videovixilancia dos espazos forestais concibiuse como un instrumento de apoio ao labor de detección, prevención e seguimento deste tipo de incendios e foi anunciada polo presidente da Xunta no Parlamento como unha das 30 medidas na proposta de acordo forestal. Así o recordaron esta mañá a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, durante a visita que realizaron esta mañá ao Centro de Coordinación Central da Dirección Xeral de Montes para comprobar o funcionamento da plataforma, que estará completamente operativa a mediados de agosto.
Cámaras de altas prestaciónsA nova rede estase a despregar aproveitando as infraestruturas de Retegal. Estanse a instalar 2 cámaras de altas prestacións, dotadas de visión nocturna e con capacidade para operar baixo temperaturas extremas e resistentes a ventos furacanados en 44 centros de telecomunicacións do operador público.
As 88 cámaras que integran a Rede facilitarán cobertura visual de máis de 1,5 millóns de hectáreas, máis da metade do territorio galego, incluíndo terreos das 73 parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) definidas así no Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA) da Consellería do Medio Rural.
Plataforma para unha xestión integralA nova plataforma ofrece unha xestión centralizada das cámaras, facilitando a vixilancia remota dos montes desde o Centro de Coordinación Central as 24 horas do día e permitirá aos axentes e técnicos forestais o acceso en tempo real ás imaxes, incluso a través de dispositivos móbiles.
Ademais a plataforma integrarase coas aplicacións empregadas polo SPDCIF como o Xeocode, baseada sistema de información xeográfico, que posibilita a xestión de alarmas, incendios, medios e persoal on line a nivel de distrito, provincial e central.
En caso de detectarse un lume o sistema achegará información visual en directo sobre o avance e as condicións do incendio e permitirá xeoposicionar o punto que se está a visualizar en cada momento. Deste xeito, a rede ofrece un mecanismo de apoio á toma de decisións polas autoridades e persoal técnico competentes para mobilizar e xestionar medios e recursos para os labores de extinción.
Investimento e evolución da redeNo desenvolvemento da rede colaboran a Consellería do Medio Rural, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Retegal que articula a posta en marcha e mantemento desta Rede de Vixilancia dos espazos forestais ata 2022 cun investimento de 2.026.000 euros.
- Te recomendamos -