O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou en nun intercambio de boas prácticas, organizado pola Comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, desprazouse ata Italia para participar nun intercambio de boas prácticas, organizado pola Comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións, coa finalidade de poñer en común estratexias para informar e implicar aos cidadáns europeos nos debates sobre o futuro de Europa e nas eleccións ao Parlamento Europeo que se celebrarán en maio de 2019. Tras o intercambio de información, a delegación de CIVEX formulará propostas á Comisión Europea para mellorar o funcionamento da rede Europe Direct, cuxa finalidade é achegar as institucións europeas aos cidadáns, ofrecendo información sobre a actualidade europea.
Convidados pola Asemblea Lexislativa da rexión de Emilia Romagna, os 13 membros do Comité Europeo das Rexións, coñeceron e debateron sobre diferentes métodos e técnicas para unha comunicación efectiva dos valores e actividades europeos que se poden poñer en marcha a través dos centros de información da Comisión Europea nos Estados membros. Para iso mantiveron reunións nos Europe Direct de Módena e Bolonia, coñecendo de primeira man os métodos que empregan para xestionar as actividades de comunicación e os servizos de información para os cidadáns.
Esta visita enmárcase dentro da campaña “Reflexionar sobre Europa” do Comité Europeo das Rexións, cuxo obxectivo é o de actuar a escala local, escoitar e transmitir en Bruxelas as preocupacións e propostas dos cidadáns sobre a Unión Europea que queren os cidadáns.
Eleccións europeas 2019Outro motivo para impulsar o debate cos cidadáns é a celebración das eleccións ao Parlamento Europeo, que terán lugar o 26 de maio de 2019. Nestas eleccións elixirase á 9ª lexislatura desta Cámara que, tras o Brexit, verá reducido o seu tamaño. O Parlamento Europeo puxo en marcha unha campaña, “Esta vez voto”, para mobilizar a participación nestes comicios. Campaña á que os líderes locais e rexionais tamén se unen.
- Te recomendamos -