A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella participou na Cidade da Cultura nas Xornadas Mulleres de Seu “O futuro de todas”
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella participou hoxe nas Xornadas Mulleres de Seu “O futuro de todas”, no marco da conmemoración do Día Internacional da Muller Rural, que este ano cumpre o seu décimo aniversario, e segundo indicou o obxectivo principal de festexar este día é visibilizar a importancia das achega económicas, sociais e culturais que desenvolven as mulleres en áreas rurais de todo o mundo.
Susana López Abella lembrou que a Xunta colabora dende fai anos con Cooperativas Lácteas Unidas, e o pasado mes de xullo asinou un acordo para a visibilización e apoio a proxectos de promoción da Igualdade, xa que fomentar o empoderamento feminino, o desenvolvemento profesional e o liderado das mulleres, dignificando o seu papel no ámbito rural, é o obxectivo da iniciativa “Mulleres de Seu”.
López Abella indicou que dende o Goberno galego traballase para mellorar a situación das mulleres rurais, fomentar a súa visibilidade e impulsar unha igualdade real de oportunidades en materia de acceso e condicións de emprego, impulsar a súa capacidade para emprender e promover condicións que faciliten a conciliación da vida persoal, familiar e laboral nun escenario de corresponsabilidade entre mulleres e homes.
Conseguir o recoñecemento social, económico e institucional que merecen as mulleres do rural é unha prioridade e tal e como indicou López Abella é importante priorizar algunhas áreas de actuación para conseguir a Igualdade entre as mulleres e os homes no rural galego, como so n a visibilidade da muller rural, a promoción do emprendemento, a conciliación da vida familiar e laboral, e o fomento do uso da novas tecnoloxías.
Ademais, a titular de Igualdade precisou que é fundamental incentivar a incorporación das mulleres aos órganos de decisión do sector agroalimentario e de desenvolvemento rural para avanzar nunha maior presenza institucional nos ámbitos de decisión do medio, polo que as organizacións agrarias, as cooperativas e os grupos de desenvolvemento rural deben contar cunha presenza feminina en órganos directivos acordes coa realidade das mulleres rurais.
- Te recomendamos -