A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, salientou a importancia do potencial educativo do deporte, fundamental para a consecución da tolerancia, da igualdade e da non violencia
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou na Xornada de promoción da muller no arbitraxe e no fútbol feminino, Non á Violencia, para reivindicar e promocionar o valor da muller en todas as súas facetas e modalidades no mundo do fútbol e fútbol sala.
Susana López Abella salientou o potencial educativo do deporte, como un eixe fundamental para a consecución da tolerancia, da igualdade e da non violencia, tanto na sociedade en xeral como no deporte en particular.
López Abella indicou que no VII Plan Estratéxico para a Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020, recóllese como obxectivo específico promover a igualdade entre mulleres e homes na actividade deportiva mediante a creación e adaptación de infraestruturas e servizos para promover un acceso igualitario á práctica deportiva; o fomento da implicación das e dos escolares e as súas familias en actividades que promovan a igualdade de xénero na práctica deportiva; o desenvolvemento de accións de concienciación e doutras actividades para potenciar a participación das mulleres na práctica da actividade física e deportiva, especialmente en deportes profesionais.
Ademais do deseño e posta en marcha de accións formativas dirixidas aos distintos axentes do tecido do deporte galego -persoal técnico, adestradoras e adestradores deportivos…- en materia de igualdade de xénero para combater a discriminación de carácter sexista; e a promoción do acceso igualitario das mulleres ao deporte de alto nivel.
A Xunta e a Real Federación Galega de Fútbol, así como o Comité Técnico de Árbitros pertencente á Federación, colaboran nestas xornadas co obxectivo de contribuír á igualdade de xénero e á erradicación da violencia en tódalas súas maneiras, especialmente nos campos de categorías non profesionais. Na Xornada participan o Real Club Deportivo da Coruña feminino, a selección coruñesa Sub-20 feminina, a selección feminina Colexio Liceo “La Paz”, e á selección feminina de estudantes do centro para adestramento de arbitraxe.
- Te recomendamos -