A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), destaca a importancia de educar a traballadores e mandos na prevención de riscos laborais
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), organiza nos seus centros da Coruña, mañá, e de Lugo, o venres, a xornada Novas experiencias de integración da prevención de riscos laborais. Seguridade baseada no comportamento, a través da que pretende dar a coñecer aos técnicos de prevención, responsables de recursos humanos, delegados de prevención, axentes sociais e estudantes a metodoloxía Seguridade Baseada no Comportamento (SBC).
Esta técnica de prevención de riscos laborais está dirixida a establecer, manter e aumentar os comportamentos seguros educando aos traballadores e os seus mandos na importancia da cultura preventiva, de xeito que a seguridade e a saúde sexan valores das persoas e da organización. Baséase na observación e análise das condutas para detectar os hábitos a modificar ou eliminar, orientando os comportamentos cara a prácticas de traballo seguras. Trátase dunha técnica de intervención psicosocial que complementa nas empresas a súa xestión en seguridade e saúde no traballo.
Na xornada exporanse casos prácticos de empresas que implementaron esta técnica obtendo un cambio na cultura e actitudes, non só dos empregados, senón de toda a empresa, que se traduciu nun descenso da sinistralidade laboral.
A iniciativa, que forma parte do Plan de Actividades do ISSGA 2018, consta de catro relatorios a través dos que se exporán as características da Seguridade Baseada no Comportamento, como un instrumento de xestión na prevención de riscos laborais e daranse a coñecer casos prácticos de programas de SBC desenvolvidos por empresas. O último relatorio consistirá nunha exposición práctica a cargo dun instrutor que colaborou cunha compañía na posta en marcha deste programa.
O obxectivo da Xunta con estas xornadas é impulsar no tecido empresarial galego a importancia da cultura da prevención inculcando condutas seguras e saudables nunha liña de anticipación aos riscos laborais
- Te recomendamos -