A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), avaliará as novas medidas a adoptar no eido da prevención laboral
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), organiza mañá en Rande, no centro que ten o Instituto na provincia de Pontevedra, unha xornada sobre seguridade na Industria 4.0, onde se analizarán os retos que están a xurdir desde o punto de vista da seguridade e saúde coa entrada da nova revolución industrial. A actuación realízase en colaboración coa Asociación Galega de Empresas de Enxeñería, Consultaría e Servizos Tecnolóxicos (Ageinco), que conta con máis de 20 empresas asociados do sector.
A iniciativa, que se celebrará a partir das 10,00 horas, contará con diversos técnicos que abordarán os novos riscos laborais que poden aparecer e as medidas preventivas a adoptar. Porase de relevo como se pode ver afectada a seguridade e a saúde dos traballadores coa cuarta revolución industrial ao formar parte dun novo sistema de produción con máquinas intelixentes. O obxectivo é concienciar sobre a prevención de riscos laborais, especialmente nun ámbito como a enxeñería civil e industrial, no que se camiña cara a unha Industria 4.0.
Así mesmo, abordaranse os cambios que están por vir e que poderán mellorar as condicións de seguridade e saúde laboral, xa que a Industria 4.0, baseada nas novas tecnoloxías de fabricación, non está exenta de riscos, pero achegará novas oportunidades que poderán mellorar as condicións dos traballadores e traballadoras.
A folla de ruta do Goberno galego en materia de emprego, a Axenda 20, inclúe como un dos seus eixos prioritarios a mellora das condicións de seguridade e saúde no traballo para potenciar a calidade do emprego a través da execución da Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo, con especial atención aos riscos emerxentes.
A xornada tamén forma parte do Plan de Actividades do ISSGA para 2018 que inclúe medidas, colaboración con entidades representativas do sector, para a investigación e o estudo sobre riscos novos e emerxentes nas distintas actividades e procesos do sector industrial, especialmente no relativo á Industria 4.0 e á seguridade industrial.
- Te recomendamos -