Inicio Galicia A Xunta ofreceu formación a máis de 10000 mozos e mozas galegos...

A Xunta ofreceu formación a máis de 10000 mozos e mozas galegos a través do servizo Quérote+

0

Ao longo do curso leváronse a cabo obradoiros sobre afectividade e sexualidade, convivencia e relacións sociais, imaxe e autoestima ou sobre o uso responsable das TIC’s entre outros

A Xunta de Galicia chegou a un total de 10.602 mozos e mozas de 14 a 16 anos de 207 centros educativos a través da oferta formativa do servizo Quérote+ no curso 2017-2018.

Destes centros, 39 participaron a través do Plan Proxecta con 163 profesores e 1.735 mozos e mozas implicados; e 168 centros solicitaron directamente a intervención deste servizo, chegando a 390 obradoiros e 8.867 mozos e mozas participantes. Estes obradoiros foron de 100 minutos de duración e as temáticas as seguintes: afectividade e sexualidade, convivencia e relacións sociais, imaxe corporal e autoestima, uso das TIC’s e prevención do consumo do alcol.

No obradoiro de afectividade e sexualidade os profesionais que o impartiron centrárono no desmantelamento de mitos, estereotipos e falsas crenzas presentes na sexualidade, en especial na erótica e na amatoria, favorecer a autonomía reflexiva e construtiva da mocidade na construción da súa propia identidade, estimular a valoración crítica dos mozos e mozas no acceso e análise da información sobre sexualidade, e favorecer a adquisición de habilidades comunicativas e de relacións asertivas.

No obradoiro de convivencia e relacións sociais os obxectivos marcados foron impulsar os valores intrínsecos da diversidade como fonte de riqueza para a comunidade; potenciar o desenvolvemento de aptitudes de asertividade e apatía nos procesos de interacción persoal; fomentar o diálogo como alternativa a outras respostas menos construtivas ante os conflitos; e fomentar a potenciación de contextos cooperativos nas relacións persoais.

Por outra banda, o taller de imaxe e autoestima serviu para poñer en valor a diversidade corporal, tomar conciencia da propia imaxe e favorecer a súa aceptación, promover o fomento da autoestima máis aló do físico e a imaxe, desenvolver o sentido crítico ante os valores estéticos imperantes e tomar conciencia dos hábitos saudables e non saudables empregados ante diferentes situacións (calmar a ansiedade, compensar a frustración, refuxio, desafogo).

Ademais, levouse a cabo un obradoiro sobre o uso responsable das TIC’s, no que o traballo dos técnicos de Quérote+ co alumnado estivo enfocado a destacar as potencialidades das TIC’s fronte aos riscos dun mal uso, promover un manexo axeitado dos datos persoais na rede, incentivar o uso responsable das redes sociais, identificar e diferenciar as prácticas seguras no uso das novas tecnoloxías, e favorecer a convivencia respetuosa e harmónica e previr as situacións de ciberbullying e acoso na rede.

No obradoiro de prevención do consumos traballouse cos mozos e mozas para analizar as situacións nas que adoita estar presente o alcol, impulsar e promover a análise crítica da información e mensaxe recibidas sobre o alcol e o seu consumo, e promover hábitos de vida saudables.

Nestas accións formativas, os mozos e mozas descobren as posibilidades que lles ofrece o servizo anónimo, confidencial e gratuíto que pon a súa disposición a Consellería de Política Social a través do servizo Quérote+.

Os centros Quérote+ son un servizo especializado de referencia na información e o asesoramento á mocidade e a intervención dos técnicos deste servizo realízase tanto a nivel individual como grupal e comunitario. De maneira individual, a través de consultas dos usuarios, de xeito presencial nas oficinas deste servizo, por medio de chamadas telefónicas, preguntas on line ou mensaxería instantánea. De maneira grupal, mediante accións formativas, como as que son ofertadas en todos os institutos de educación secundaria galegos, na rede de centros de xuventude Espazo Xove, nas Oficinas de Información Xuvenil e a través das asociacións; e de maneira comunitaria, a través das mesas informativas, da participación en congresos e eventos de interese para a mocidade e dos programas de mediación xuvenil.


- Te recomendamos -