O delegado territorial da Xunta de Galicia visitou o centro IES Xulián Magariños de Negreira para dar a coñecer a novidades do vindeiro curso
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o centro IES Xulián Magariños de Negreira no que este novo curso se implantará un novo ciclo de FP centrado en “Sistema microinformáticos e redes” que ofrece 30 prazas. O representante do Goberno Autonómico explicou que este ano se ofertan nos centros de FP da cidade de Santiago de Compostela e na súa comarca 11 novos ciclos que contarán con 213 prazas.
Os novos ciclos son Informática de Oficina, Sistemas Microinformáticos e redes, Ensinanza e animación Sociodeportiva, Desenvolvemento de Aplicacións Web, Carpintería e Moble, Carpintería e Moble (dual), Xestión e aloxamentos turísticos (dual), Automoción (dual), Mantemento Electrónico (dual), Sistemas electrotécnicos e automatizados (dual) e Construcións metálicas (dual).
Na provincia da Coruña a oferta de novos ciclos chega ata os 47 con 876 prazas. Cómpre lembrar que este ano, entre primeiro e segundo ciclo, hai máis de 51.000 matriculados en ensinanzas de FP en Galicia.
FP DualA oferta que tamén avanza na cidade e comarca de Santiago é a implantación da FP dual xa que se ofertarán 6 ciclos deste tipo de formación con 97 prazas. 16 prazas no CIFP Politécnico de Santiago de Grao Medio para adultos de Carpintería e Moble; un ciclo de grao superior para adultos de Xestión de Aloxamentos Turísticos no CIFP Compostela e os outros 4 ciclos de grao superior se ofertan no CIFP Politécnico de Santiago cun total de 61 prazas en áreas tan diversas como a Automoción, Mantemento Eléctrico, Automoción, Sistemas Electrotécnicos e automatizados e Construcións metálicas.
Cómpre salientar a importante aposta pola FP dual das empresas punteiras de Galicia en sectores estratéxicos para a nosa comunidade, como é o caso de Madeira e moble, de Marítimo- pesqueira, de automoción, informática, eólica ou fabricación mecánica. Esta implicación ten resposta na implantación nesta modalidade de ciclos de grao medio e superior das familias correspondentes, 4 na familia de Madeira e moble, 2 na de Marítimo pesqueira, 6 en Transporte e mantemento de vehículos, 3 en Informática e comunicacións, 1 en Enerxía e Auga e 7 en fabricación mecánica, entre outras.
A FP Dual é unha das apostas do departamento educativo da Xunta de Galicia para impulsar a empregabilidade dos titulados e para axustar a formación profesional ás necesidades dos sectores produtivos. Amplíase ademais a oferta en ciclos en réxime ordinario e de adultos con importante demanda de emprego, como o caso da familia de Informática e comunicacións en Negreira e Santiago de Compostela. Neste sentido cómpre sinalar que o motivo mesmo de modificar a oferta de ciclos para cada curso vén derivado da necesidade de dar resposta ao tecido socio-produtivo de cada comarca e á demanda de titulados que solicitan as empresas, o que redunda nunha maior facilidade para que o alumnado da FP galega acceda a un posto de traballo ao rematar os seus estudos.
- Te recomendamos -