A liña de axudas vai destinada a grupos de referencia competitiva, con potencial de crecemento e proxectos de persoal investigador con axuda Starting Grant ou enmarcados no programa Ramón y Cajal
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), mobilizará preto de 21 millóns ata 2022 co fin último de seguir construíndo un sistema de I+D+i galego forte, estruturado e que camiñe cara os estándares de excelencia e de competitividade no eido internacional. A convocatoria de axudas de 2018, publicada en DOG esta semana https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180605/AnuncioG0164-250518-0001_gl.html, está destinada a grupos de referencia competitiva, grupos con potencial de crecemento e proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente. A convocatoria vai dirixida ás tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), aos organismos públicos de investigación en Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria e aos centros do CSIC e do IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia.
Apoio a proxectos de calidade e alto impactoO obxectivo fundamental é asegurar que os grupos conten cun financiamento estrutural e continuado vinculado a criterios de calidade tanto das propostas realizadas como dos resultados obtidos. De xeito paralelo, o sistema debe atender tamén as diferentes realidades de investigadores individuais que xa contan cunha traxectoria excelente e que agora teñen que afianzar unha liña de traballo baseada en proxectos de alto impacto no ámbito nacional e internacional.
En definitiva, trátase de blindar un financiamento axeitado e sostido no tempo para que os investigadores e os grupos máis excelentes e competitivos en Galicia continúen traballando e afianzando a súa posición de liderado. Deste xeito, o Goberno galego dota os grupos de investigación dos instrumentos necesarios para a creación dunha contorna axeitada para a actividade científica e o desenvolvemento tecnolóxico na universidade.
Pirámide de apoio á investigaciónCómpre destacar que, pese ás dificultades económicas, a Consellería de Educación mantivo o financiamento estrutural aos grupos ao longo dos últimos anos. De feito, desde 2009 mobilizáronse preto de 100 millóns de euros para entidades grupais do SUG e, a día de hoxe, en Galicia traballan de xeito estable máis de 200 grupos de investigación con financiamento estrutural estable (entre os de potencial crecemento e os de referencia competitiva) e outros 35 investigadores emerxentes que tamén contan con financiamento público por parte do Goberno galego.
En termos de persoal, hai aproximadamente 1000 investigadores universitarios que se benefician desta liña de axudas, entre titulares, catedráticos, axudantes-doutores, contratados-doutores,… con praza nas universidades.
Ademais do apoio aos grupos, a Consellería tamén mantén as convocatorias anuais para a formación inicial de investigadores predoutorais e posdoutorais, así como un recoñecemento específico para os centros singulares e as agrupacións estratéxicas consolidadas, que constitúen a pirámide do respaldo á investigación universitaria. As axudas desta convocatoria de consolidación estrutúranse en tres modalidades:Grupos de referencia competitiva (Modalidade A)En Galicia, dentro dos grupos de investigación, os de referencia competitiva caracterízanse polos bos índices de publicacións científicas, por un elevado nivel de captación de recursos, competitivos a nivel estatal e internacional e con capacidade para formar e atraer investigadores mozos.
Neste caso, as axudas teñen unha duración máxima de catro anos e o importe das mesmas vén determinado por unha contía estrutural e outra variable asociada á evolución na xeración de recursos por parte do grupo que, entre outros requisitos, deberá contar con, polo menos, cinco investigadores. A contía total que se mobiliza para esta modalidade ascende a máis de 16 millóns de euros.
Grupos con potencial de crecemento (Modalidade B)Os grupos con potencial de crecemento (GPC) teñen unha importante calidade investigadora que os pode conducir a converterse en grupos de referencia do sistema galego de I+D+I. Afianzar esta evolución é precisamente o que se trata de garantir con estas axudas. Neste caso, teñen un período de dúas ou tres anualidades e os grupos deberán contar con, como mínimo, tres investigadores. A contía total que se mobiliza ascende a 2,88 millóns de euros.
Proxectos de excelencia (Modalidade C)Neste apartado regúlanse as axudas para proxectos de investigación de investigadores individuais que contan xa cunha traxectoria excelente ou que teñen que afianzar unha liña de traballo baseada en proxectos de alto impacto nos ámbitos nacional e internacional.
Nelas contémplanse dous apartados: Unha liña de reforzo de traxectoria consolidada (enfocada a investigadores que conten cunha axuda Starting Grant e rematen coa mesma en 2018); e unha liña de reforzo de traxectorias emerxentes (persoal investigador adscrito ao programa Ramón y Cajal das convocatorias dos anos 2013, 2014, 2015 e 2016). A contía total que se mobiliza nesta mobilidade ascende a preto de 2 millóns de euros.
- Te recomendamos -