Vázquez Mourelle explica que se culminou o proxecto e hoxe se lle trasladou ao Concello de Santiago para que se poida proceder á súa aprobación definitiva
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, presentou as actuacións para mellorar, conservar e embelecer o Camiño Inglés, entre o polígono do Tambre e o cemiterio de Boisaca, que se licitarán en poucas semanas por un investimento de 2,2 millóns de euros.
Vázquez Mourelle explicou que se vén de culminar este proxecto e hoxe se lle deu traslado ao Concello de Santiago para que se poida proceder á súa aprobación definitiva. Concretou que as obras, cun prazo de execución duns 9 meses, se iniciarán a comezos do vindeiro ano para poder rematalas no último trimestre de 2019.
A intervención centrarase no treito comprendido entre o polígono do Tambre e o cemiterio de Boisaca, pero tamén se adentrará máis na cidade, estendendo as melloras ata o cruce de Meixonfrío. Para isto, serán necesarios terreos a maiores, polo que, a finais do verán se someterá o proxecto a información pública a efectos expropiatorios.
Estas accións están deseñadas para facer compatible a experiencia positiva do peregrino coa actividade empresarial no polígono. A Xunta busca favorecer a mobilidade dos peregrinos e incrementar a súa seguridade, cunha mellor integración do Camiño no contorno das naves industriais. Para iso, seguiranse criterios homoxéneos que servirán como patrón para futuras intervencións noutros puntos, buscando reforzar identidade arredor do Camiño.
Entre os traballos que se desenvolverán neste tramo, cómpre destacar o acondicionamento do Camiño ao longo de todo o polígono, para dotalo dun ancho igual ou superior aos 3,5 metros, para gañar en integración, en visibilidade e tamén en comodidade.
Tamén se delimitará o ámbito da ruta xacobea da zona de naves industriais a través de cerramentos metálicos e vexetais, que fagan máis “amable” a relación do peregrino co contorno e se adecuará a parte traseira do cemiterio, convertendo unha explanada nun espazo coidado, verde e humanizado.
Este proxecto, ademais, coidará ao máximo os detalles en todo o relativo ao mobiliario urbano, con elementos singulares e característicos como luminarias, cubre-contedores, detalles nos bordos ou a disposición de vexetación.
Mellora das entradas dos CamiñosEstes traballos hoxe detallados están enmarcados no proxecto que a Xunta está a impulsar para mellorar as entradas dos Camiños en Compostela, cun orzamento de máis de 5 millóns de euros.
Ethel Vázquez remarcou a intensificación dos pasos necesarios que se está a facer para que no 1º semestre de 2019 estean xa iniciados os traballos das entradas dos Camiños Inglés, Francés e Portugués para telos a punto no Xacobeo do ano 2021.
Concretou que se segue traballando nos outros dous ámbitos, no Camiño Francés, entre o Monte do Gozo e a AP-9; e no Camiño Portugués, en Conxo, agora mesmo en trámite de información pública, ata o 17 de agosto, co obxectivo de rematar os proxectos e iniciar a contratación das obras a finais deste ano.
No Camiño Francés, desde a baixada do Monte do Gozo ata a AP-9, mellorarase a accesibilidade e a integración paisaxística neste treito, mudando o eucaliptal existente por unha plantación de árbores autóctona, que contribúa a dar esa imaxe do verde propio de Galicia.
No Camiño Portugués, na zona de Conxo, realizarase unha actuación moi ambiciosa, coa reordenación do Camiño, un novo aparcadoiro e unha intervención singular para humanizar a praza do mosteiro para que o barrio compostelán teña a súa pequena praza do Obradoiro.
- Te recomendamos -