Inicio Galicia A Xunta licitará a finais deste verán as obras de abastecemento á...

A Xunta licitará a finais deste verán as obras de abastecemento á parroquia de Tribás no concello de Pantón

0

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o alcalde de Pantón asinaron esta mañá o convenio de colaboración que establece unha contía de case 340.000 euros


A Xunta de Galicia licitará a finais deste verán as obras de abastecemento á parroquia de Tribás no Concello de Pantón. Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, ao alcalde de Pantón, José Luís Álvarez-Blanco, tras a sinatura do convenio de colaboración que recolle un investimento de case 340.000 euros para a execución desta actuacións.

Non obstante, a conselleira de Medio Ambiente recordou que é necesario contar coa documentación municipal para que Augas de Galicia poida licitar no Diario Oficial de Galicia as obras para a captación, depósito e abastecemento á parroquia de Tribás, por un importe de case 340.000 euros.

As obras, que Augas de Galicia asume ao 100 por cento, teñen por finalidade dar servizo de abastecemento a varios núcleos da parroquia de Tribás, que actualmente carecen deste servizo e, polo tanto, dun control sanitario axeitado.

No caso concreto da parroquia de Tribás, esta zona carece de rede de abastecemento municipal e no seu lugar existen servizos individuais a base de pozos e captacións en mananciais executados en propiedades particulares, que non contan con control sanitario algún.

Para acadar estes obxectivos prevese a execución dunha captación de auga a través dun pozo de barrena, un depósito de auga de uns 25 m³ e unha rede de abastecemento que conduza a auga ata os núcleos de A Porta, Tribás, Albaredo e O Fontao. Esta rede de abastecemento contará cunha lonxitude total de 1.200 metros.

Con esta actuación, o Goberno galego dá resposta a tres obxectivos: garantir o subministro de auga en calidade e cantidade á cidadanía e cumprimento da Directiva Marco da Auga, colaborar coas entidades locais para mellorar a rede de abastecemento secundaria e garantir o abastecemento e regulación dos recursos hídricos en calidade e cantidade coa realización das obras de infraestrutura necesaria, velando así mesmo polo seu consumo responsable e fomentado o seu aforro.


- Te recomendamos -