Inicio Galicia A Xunta licita en 180.000 euros o contrato de restauración do conxunto...

A Xunta licita en 180.000 euros o contrato de restauración do conxunto etnográfico das pallozas do Cebreiro

0

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que se repararán as cubertas de palla e substituiranse lousas nos accesos e canles perimetrais, entre outros traballos


A Consellería de Cultura e Turismo vén de licitar o contrato para a realización de traballos de reparación, restauración e conservación preventiva no conxunto etnográfico das pallozas do Cebreiro, no concello de Pedrafita do Cebreiro, por un importe de 180.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe as pallozas e explicou que se levarán a cabo actuacións de conservación e mantemento nas catro que forman o conxunto: a Palloza Museo, a palloza do Quico e e as de Campelo e Galán.

As principais intervencións consistirán na substitución do colmo de palla das cubertas, que será completa en tres delas e parcial na do Quico, onde se aproveitarán os mollos que se atopen en boas condicións. Tamén se reparará a estrutura de madeira da cuberta da Palloza Museo.

Igualmente, procederase a substituír ou reparar lousas nos accesos en canles perimetrais, melloraranse as instalacións de electricidade e iluminación, e aplicaranse tratamentos para evitar os ataques de insectos xilófagos ás estruturas de madeira. As obras terán un prazo de execución de catro meses.

As empresas interesadas en optar a este contrato teñen de prazo ata o día 7 de xaneiro para presentar as súas ofertas. Ao tratarse da restauración de bens protexidos polo seu valor cultural, as empresas licitadoras deben coñecer a singularidade deste tipo de traballos que, como no caso da substitución do colmo de palla, requiren de especialistas, da aplicación de técnicas tradicionais e mesmo de artesáns ou restauradores con experiencia.

As catro pallozas do Cebreiro que forman o conxunto están baixo a xestión da Xunta de Galicia. No que vai de ano, entre xaneiro e novembro, visitaron a Palloza Museo preto de 15.000 persoas (14.896 en concreto). Os máximos rexistros de visitantes danse entre os meses de maio e outubro. Maio foi precisamente o mes de maior afluencia desta anualidade, cando se contabilizaron 2.278 persoas.

Cabe lembrar que o Goberno galego tamén propiciou recentemente o acondicionamento da contorna grazas a unha achega de 30.000 euros de Turismo de Galicia ao concello para a mellora do pavimento de pedra das rúas interiores do pobo e a posta en valor da fonte pública da localidade. 


- Te recomendamos -