A Xunta impulsou esta obra, cun orzamento duns 450.000 euros, no marco do diálogo co Concello, tanto na redacción do proxecto como na execución
A Xunta de Galicia lembra que o acondicionamento da estrada da Telva se executou de forma coordinada co Concello de Culleredo e atendendo todas as súas solicitudes.
Cómpre lembrar que en 2015 o Concello de Culleredo solicitou á Xunta a reparación do firme da estrada AC-213, entre o Burgo e A Telva, manifestando a súa interese en recibir a transferencia da titularidade da vía unha vez acondicionada.
A Consellería de Infraestruturas incluíu este proxecto nun contrato máis amplo que contempla actuacións de mellora do firme noutras estradas autonómicas da contorna. No proceso de redacción, a Xunta contou coas consideracións da Administración local e licitou a obra en abril de 2017, incluíndo un investimento duns 450.000 euros para os traballos na estrada AC-213.
As obras, que veñen de rematar, consistiron no estendido dunha nova capa de rodadura nun tramo de preto de 2 quilómetros. Este proxecto contemplou a reposición dos treitos de beirarrúa deteriorados que tamén se complementaron en determinados puntos, co obxectivo de que haxa itinerarios peonís continuos por ambas as dúas marxes da estrada que faciliten os desprazamentos cotiás dos veciños, a pé e dun xeito seguro.
Cómpre destacar que a execución da obra de mellora da estrada facilitou a renovación de conducións de abastecemento por parte do concello, a pesar de que supuxo retrasar o final das obras promovidas pola Xunta de Galicia. Ademais, a Axencia Galega de Infraestruturas se fixo cargo do recrecido de arquetas e reposición do firme das gabias da obra de abastecemento, o que supuxo un investimento adicional de 24.000 euros por parte da Administración Autonómica.
O Goberno galego agarda que o concello de Culleredo manteña o seu compromiso de aceptar a titularidade da estrada, tralo importante investimento executado pola Xunta de Galicia de acordo coas condicións técnicas achegadas polo propio concello.
- Te recomendamos -