Igualdade recorda que a coordinación e cooperación entre institucións é fundamental para loitar contra esta lacra
A Xunta de Galicia quere amosar a súa sorpresa e o seu malestar polo feito de que o Goberno central veña de excluír á Administración autonómica da mesa de coordinación interinstitucional para a eliminación da violencia contra as mulleres, a cuxa reunión de hoxe na Coruña non foi convocado ningún representante do Executivo galego.
A Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta recorda que a coordinación e cooperación entre as distintas administracións é fundamental na loita conta a violencia de xénero e que esta relación entre as distintas institucións implicadas vén presidindo a actividade nos últimos anos, como queda recollido na aprobación unánime, en marzo deste ano, do Protocolo de Cooperación e Coordinación Institucional fronte á Violencia de Xénero en Galicia.
Fronte a iso, a Delegación do Goberno organizou hoxe unha reunión na que participaron representantes do TSXG e da Fiscalía, entre outros, quedando excluída a Xunta de Galicia, que non foi convidada, a pesares de ser a administración que ostenta as competencias na asistencia social ás vítimas.
Hai que recordar que dende hai anos está constituído en Galicia e funcionando o Observatorio Galego da Violencia de xénero, un órgano que conta con representantes das consellerías da Xunta, da Delegación do Goberno, do Poder Xudicial, da Fegamp, dos sindicatos e da Televisión de Galicia, entre outros. A maiores, estanse a constituír por todos os municipios de Galicia mesas locais de coordinación contra a violencia de xénero, como instrumentos para optimizar a cooperación de todas as entidades implicadas no obxectivo común de erradicar a violencia de xénero.
Fronte a iso, a Delegación do Goberno optou por excluír á Xunta desta mesa de coordinación interinstitucional, un feito que o Goberno galego considera especialmente grave ao estar a falar dun asunto capital como a violencia de xénero, onde debe prevalecer a coordinación entre todos. Así, fai un chamamento ao Goberno para recuperar o espírito de acordo e a coordinación entre Administracións en materia de violencia de xénero, máxime nun momento que cobra especial relevancia ante o desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
- Te recomendamos -