O delegado territorial, José Manuel Balseiro, sinalou que a iniciativa proporciona un posto de traballo a 16 mozos e mozas menores de 30 anos, que ao remate recibirán un certificado de profesionalidade
Mañá dará comezo o obradoiro de emprego Forum 4.0, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria con 154.200 euros e promovido polo Concello de Lugo.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que este proxecto está orientado á posta en valor do patrimonio arqueolóxico municipal, a través das redes sociais e doutros medios de marketing dixital. A iniciativa proporciona emprego e formación a 16 mozos e mozas menores de 30 anos, oito deles na especialidade de “Confección e publicación de páxinas web” e outros tantos na de “Xestión de marketing e comunicación”. No obradoiro tamén traballan unha directora e dous monitores, un para cada materia.
O obradoiro estenderase ata finais do mes de marzo e, entre outras actuacións, prevé a creación dun portal web de divulgación do patrimonio arqueolóxico e o deseño e creación de perfís de redes sociais, blogs e outras ferramentas dixitais que contribuirán á difusión de contidos relativos á interpretación e xestión do patrimonio arqueolóxico na cidade.
O obradoiro de Lugo é o segundo da provincia que bota a andar na presente convocatoria, logo de que hoxe mesmo se inicie un en Ribadeo, tamén para menores de 30 anos. Nas vindeiras semanas iranse poñendo en marcha os 20 obradoiros previstos en 50 concellos de Lugo, que supoñen un investimento da Xunta de 5,5 millóns de euros e suman 472 contratacións.
Cabe lembrar que na presente convocatoria o Goberno galego atendeu o cen por cen das solicitudes formuladas polos concellos lucenses.
- Te recomendamos -