Inicio Galicia A Xunta inviste máis de 1,5 millóns en case 80 entidades para...

A Xunta inviste máis de 1,5 millóns en case 80 entidades para atender a mulleres en situación de especial vulnerabilidade

0

Financiaranse programas de atención integral que inclúan servizos de orientación, atención psicolóxica ou asesoramento xurídico


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución de axudas da convocatoria de subvencións destinada a entidades de iniciativa social que desenvolvan programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade. O orzamento total ascende a algo máis de 1,5 millóns de euros, que se reparte entre un total de 79 organizacións galegas.

A través destas axudas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE), fináncianse dous tipos de programas: de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de 3 anos e en situación de especial vulnerabilidade; e de atención especializada a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos.

As actuacións que se deberán desenvolver no marco destes programas inclúen servizos de orientación e información, atención psicolóxica, asesoramento xurídico, mediación intercultural e/ou familiar, apoio e orientación laboral, ou actividades para adquisición de habilidades persoais e sociais básicas.

Todas as entidades beneficiarias están inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) e na valoración das súas solicitudes tívose en conta o grao de especialización do proxecto, a experiencia previa da entidade, a duración do proxecto, o lugar onde se desenvolverá, ou o seu carácter innovador.


- Te recomendamos -