A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na clausura do programa “Express-Arte”, impulsado pola Asociación de Xóvenes Emprendedores lucenses (AXEL)
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe que a Xunta ten investido máis de 110.000 euros entre 2016 e 2017 no programa de inserción laboral para mulleres vítimas de violencia de xénero “Express-Arte”, impulsado pola Asociación de Xóvenes Emprendedores Lucenses (AXEL).
Así o sinalou hoxe durante a clausura deste programa, durante a que se expuxeron traballos fotográficos protagonizados polas propias participantes, e para os que contaron coa colaboración de empresas, profesionais e negocios da cidade.
O programa, financiado ao abeiro da convocatoria da Xunta destinada a sufragar programas de inserción de entidades sen ánimo de lucro, buscou fomentar o empoderamento das mulleres, facilitar o seu coñecemento sobre o mundo empresarial, mostrarlles as posibilidades do autoemprego, e desenvolver as capacidades e potencialidades das participantes.
Entre outras accións, buscouse mellorar a súa capacidade de expresión, para o que se usou a arte como elemento cohesionador. Ao principio do curso, cada unha das mulleres elixiu unha obra pictórica feminina coa que se identificara e explicar as razóns da súa elección. Ese mesmo proceso repetiuse ao final do curso para avaliar a evolución expresiva. Ademais, as que estiveron interesadas realizaron unha versión do cadro elixido, na que elas mesmas foron caracterizadas como as protagonistas, e que foron expostos na clausura de hoxe.
- Te recomendamos -