O delegado territorial, José Manuel Balseiro, sinalou que a iniciativa proporciona aos participantes un posto de traballo e formación dirixida á obtención dun certificado de profesionalidade
Hoxe dá comezo o obradoiro de emprego Camiño da Chaira IV, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria con preto de 300.000 euros e promovido polo Concello de Castro de Rei conxuntamente cos de Cospeito e Outeiro de Rei.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que este proxecto proporciona emprego e formación a 20 persoas en situación de desemprego, trece delas na especialidade de “Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción” e sete na de “Levantamentos e replanteos”. No obradoiro tamén traballan un director, un administrativo e tres monitores.
Balseiro subliñou que “os obradoiros de emprego son unha das ferramentas máis demandadas dentro das políticas activas de emprego da Xunta, dado que responden ao reto de mellorar a inserción laboral das persoas desempregadas e realizan obras e servizos de utilidade social para o entorno no que se desenvolven”.
No caso deste obradoiro, que se estenderá ata mediados do mes de xullo do 2019, están previstas obras de mellora en diversos edificios e bens municipais. En concreto, os seis alumnos do concello de Castro de Rei realizarán reparacións no edificio da pista polideportiva de Castro Ribeiras de Lea e na cuberta dos locais sociais de Bendia e Ramil, e acondicionará o ximnasio do CEIP Veleiro-Docampo.
Outeiro de Rei conta con sete alumnos traballadores -todos os da especialidade de Levantamentos e replanteos- que realizarán o cartografado dixital do inventario municipal das instalacións de protección de incendios, elementos patrimoniais, contedores e paradas de autobús.
Por último, no concello de Cospeito sete participantes acometerán a reparación dos paramentos do polideportivo e dos revestimentos de fachada dos locais sociais de Pacio e Xermar, ademais do interior do local social de Pacio. Tamén construirán gradas e mellorarán o interior dos vestiarios do campo de fútbol, os paramentos do anexo da nave de maquinaria municipal e o entorno da “Casa das donas” na Feira do Monte.
Durante estes días estanse a poñer en marcha a totalidade dos 20 obradoiros previstos na provincia de Lugo, dous deles para menores de 30 anos -ambos xa comezados en Lugo e Ribadeo-. En total, involucran a 50 concellos, supoñen un investimento da Xunta de 5,5 millóns de euros e suman 472 contratacións.
Cabe lembrar que na presente convocatoria o Goberno galego atendeu o cen por cen das solicitudes formuladas polos concellos lucenses.
- Te recomendamos -