O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, supervisou o resultado das obras que permitiron reordenar os espazos para ampliar o comedor e mellorar aulas
O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de Fontiñas, en Santiago de Compostela, para comprobar o resultado dos traballos de reforma e ampliación do centro, que están a piques de rematar e que tiveron un orzamento de algo máis de 192.000 euros.
Os traballos obxecto da oferta pública consistiron na demolición de peches actuais de fachada, o tabicado interior de división de comedor actual en dúas aulas, a execución de peches exteriores dunha zona destinada a patio, a cuberta da zona ampliada e os acabados e instalacións para adaptación do espazo de comedor.
Desta forma, o edificio gañou espazo de nova construción e adaptou o xa existente con fin de mellorar a oferta educativa e a atención aos alumnos. O obxectivo último da ampliación foi dar resposta á demanda de prazas escolares neste centro educativo cunha mellora nas aulas e coa ampliación do espazo para o comedor. Concretamente, as antigas aulas unidas á ampliación permitiron dispoñer dun comedor moito más amplo e os espazo do antigo comedor se van a empregar para para habilitar dúas aulas novas.
Ovidio Rodeiro percorreu as instalacións do centro e comprobou o gran avance que supón dispoñer dun novo espazo máis amplo para o comedor que pasa de ter 90m2 a 201 m2. O delegado territorial sinalou que “con esta intervención o CEIP das Fontiñas gañou espazo físico e un mellor aproveitamento das actuais instalacións, xa que o antigo comedor foi reconvertido en dúas novas aulas, perfectamente dotadas e adecuadas para a docencia”.
A Consellería de Cultura e Educación está a realizar un forte esforzo económico para atender as necesidades educativas tanto no Concello de Santiago como en toda a comarca de Compostela. Non en balde, en 2018 investíronse máis de 3,4 millóns de euros en obras nos centros educativos de Santiago e área de influencia. Concretamente, en obras maiores se investiron 3 millóns de euros en 6 centros e 445.000 euros en obras menores, pero igualmente necesarias, en 24 centros de ensino da comarca de Santiago de Compostela.
- Te recomendamos -