Inicio Galicia A Xunta intensifica as medidas do Plan de seguridade viaria de Galicia...

A Xunta intensifica as medidas do Plan de seguridade viaria de Galicia para loitar contra a sinistralidade nas estradas autonómicas

0

O director explica que a Xunta propuxo na Comisión Autonómica de Tráfico e Seguridade Viaria medidas de colaboración co Goberno estatal para reducir a accidentalidade e incrementar a seguridade viaria

O director da Axencia Galega O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, salientou hoxe na Comisión 2º do Parlamento de Galicia que a Xunta intensifica as medidas do Plan de seguridade Viaria de Galicia 2016-2010, como ferramenta para loitar contra a sinistralidade nas estradas autonómicas.

En resposta a unha pregunta parlamentaria, Menéndez detallou o conxunto de actuacións que se impulsan desde a Xunta na busca da redución no número de accidentes de tráfico, nun ano no que se incrementaron os falecidos nas estradas galegas con respecto a 2017.

Explicou que ante as preocupantes cifras de sinistralidade deste ano, a Xunta solicitou a convocatoria da Comisión Autonómica de Tráfico e Seguridade Viaria para analizar este suba nas cifras de vítimas, e propoñer medidas de colaboración relacionadas coa seguridade viaria.

Amosou a preocupación común, de acordo cos datos transmitidos pola DXT e a Garda Civil, ante certa sensación de relaxación nos usuarios das estradas en relación ao cumprimento das normas, así como o agravamento das distraccións, que hoxe son a primeira causa concorrente de sinistralidade con falecidas en Galicia.

Neste sentido, o director da Axencia Galega de Infraestruturas defendeu a importancia de seguir traballando nas 49 medidas que contempla o Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016-2020, porque parten de actuacións de prevención, sensibilización e educación, pasando polas que inciden sobre a infraestrutura, no marco de competencias da Xunta.

E por suposto, dixo, a Xunta tamén seguirá a apoiar e seguir colaborando coa DXT e a Garda Civil de Tráfico na súa labor fundamental de control e policía da circulación nas estradas galegas.

En canto ás actuación que está a desenvolverse no marco das competencias da Xunta, Menéndez concretou as diversas accións que se están a acometer no eido do vixente Plan de seguridade viaria 2016- 2020, incrementando as partidas para o 2019 nas tarefas de conservación ordinaria nas estradas de titularidade autonómica.

Destacou o desenvolvemento do vixente plan para mellorar o firme de máis de 1.000 quilómetros da rede de estradas de titularidade autonómica, e destacou a estratexia inédita posta en marcha pola Xunta para a eliminación de treitos de concentración de accidentes, co obxectivo de ter actuado no 2020 en todos os treitos detectados nas estradas da Xunta. E falou do Plan de Sendas de Galicia e a súa incidencia positiva para as persoas que optan por unha mobilidade alternativa, facendo posible que o conxunto de usuarios, vehículos, peóns e ciclistas circulen en condicións de maior seguridade.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas tamén se referiu, por estar previstos debates sobre elas na mesma comisión, a dúas actuacións concretas relacionadas co Plan de Sendas e a eliminación dos tramos de concentración de accidentes, para a mellora da seguridade viaria nas estradas PO-308 e a PO-331.

Actuacións, dixo, nas que o diálogo mantido cos veciños e interesados nos respectivos procesos de participación pública permiten que, na PO-308 as obras estean en execución. E na estrada PO-331 realizáronse modificacións ao proxecto inicial co obxectivo de atender ás máximas suxestións dos veciños que sexan compatibles co obxectivo de mellora da seguridade viaria.

Na súa intervención Menéndez fixo ademais mención específica á instalación de sistemas de protección de motoristas nas autoestradas e á eliminación de obstáculos que poden resultar potencialmente perigosos para estes condutores, apostando polo concepto de “estradas que perdoan” co fin de minimizar as consecuencias das distraccións leves.

Liñas de traballo que segundo enumerou o director da Axencia Galega de Infraestruturas, se completan coas outras iniciativas de concienciación e formación dirixidas a incrementar a seguridade viaria dos usuarios máis vulnerables das estradas, peóns, ciclistas e motoristas. Entre elas, dixo a distribución entre 2010 e 2020 duns 30.000 chalecos reflectantes para peóns e 3.000 cortaventos para os ciclistas ou os cursos de condución segura de motos.

Finalmente, tamén se referiu aos programas de concienciación e sensibilización en seguridade viaria, citando as campaña de seguridade viaria “Metro e medio” para ciclistas e condutores ou a campaña “O corazón está do teu lado”, dirixida a 2.400 escolares sobre normas básicas de seguridade viaria.


- Te recomendamos -