O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que a actuación evitará que os transeúntes teñan que invadir a calzada nese tramo próximo ao casco urbano
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de instalar unha pasarela peonil na estrada autonómica LU-221 no punto quilométrico 0,800, a escasos metros do casco urbano de Monterroso. O orzamento da actuación ascendeu a 12.000 euros.
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que se trata dunha medida de seguridade viaria para evitar que os peóns se vexan obrigados a invadir a estrada neste punto, que é moi utilizado polos transeúntes pola súa proximidade á poboación.
Balseiro engadiu que deste xeito se da resposta a unha necesidade exposta polos propios veciños, que atopaban que neste espazo de apenas 70 metros de lonxitude non había amplitude suficiente para camiñar pola beiravía evitando a calzada.
Como solución, instalouse adosada á plataforma da estrada unha pasarela peonil de pino vermello tratado, de 68 metros de lonxitude e que discorre paralela á beiravía pola marxe esquerda; conta cunha anchura de 1,50 metros e varandas de protección a ambos os lados.
- Te recomendamos -