Inicio Galicia A Xunta insta ao Ministerio de Fomento a proporcionar un marco regulador...

A Xunta insta ao Ministerio de Fomento a proporcionar un marco regulador claro sobre as licenzas VTC que garanta os dereitos dos usuarios e a competencia leal entre os profesionais

0

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda trasladoulle hoxe á Federación Galega do Taxi o compromiso da Xunta a seguir avanzando no regulamento da Lei, na fase final da tramitación, e aprobando a orde para identificar cun distintivo os vehículos VTC

A Xunta insta ao Ministerio de Fomento a proporcionar un marco regulador claro sobre as licenzas de alugueiro de vehículos con condutor (VTC) que garanta os dereitos dos usuarios e a competencia leal entre profesionais.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, manifestoulle hoxe á Federación Galega do Taxi o compromiso do Goberno galego para seguir traballando, como ata o de agora, na defensa desa competencia leal e da seguridade dos usuarios.

A Xunta, tras abordar esta situación co citado sector en Galicia, participará na reunión convocada polo Ministerio de Fomento para o vindeiro mércores.

O Executivo autonómico mantén un diálogo constante con representantes do sector do taxi, de cuxo froito son o regulamento da Lei do taxi, que se atopa na fase final da súa tramitación, así como coa aprobación da orde que se vén de someter a información pública para a identificación cun distintivo autonómico dos vehículos VTC.

A Xunta lembra que está a exercer as competencias delegadas e non está a conceder novas autorizacións, fóra das que son obrigadas por sentenza xudicial.

O Goberno galego remarca a necesidade de que o Executivo central asuma a súa responsabilidade e estableza un marco regulador que non ameace o futuro do sector dos taxistas e garanta os dereitos dos usuarios. A Xunta agarda que o Ministerio de Fomento aborde esta situación coa responsabilidade necesaria, xa que o Executivo autonómico manterá a súa disposición a traballar por unha convivencia leal e regulada entre os distintos servizos de transporte. 


- Te recomendamos -