O Goberno galego comprométese a poñer en marcha en 2019 a parte que lle corresponde deste equipamento, coa área de rehabilitación
O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, instou hoxe ao Goberno central a cumprir o acordo que se asinou o pasado mes de abril, polo que se comprometía a poñer en funcionamento no Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi), do barrio compostelán de Salgueiriños, a zona residencial e un Centro de referencia estatal de autonomía persoal e axudas técnicas (Ceapat).
De la Campa recordou tamén que a Xunta cumprirá e porá en marcha en 2019 a parte que lle corresponde deste equipamento, que inclúe a área de rehabilitación que operará a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami).
Deste xeito, quedaría pendente a parte que lle corresponde ao Executivo central para activar por completo este recurso, que o director xeral considerou fundamental para a coordinación das accións terapéuticas e o impulso da investigación no eido da atención á discapacidade.
Por último, Ildefonso de la Campa explicou que a día de hoxe a actividade do Cegadi abrangue principalmente dous eixos. O primeiro é o de prestar asistencia e orientación ás persoas con dependencia e discapacidade a través dun equipo multidisciplinar formado por profesionais médicos, psicólogos e traballadores sociais. E o segundo, a protección e tutela de persoas adultas. En total, máis de 40 funcionarios de diferentes áreas da Administración autonómica atenden desde o centro ás necesidades destes dous colectivos.
- Te recomendamos -