Inicio Galicia A Xunta inicia un novo curso nas escolas infantís da Galiña Azul...

A Xunta inicia un novo curso nas escolas infantís da Galiña Azul con máis de 8200 nenos e nenas de 0 a 3 anos admitidos

0

No presente curso 2018-2019, Galicia pon a disposición das familias un total de 24.081 prazas sostidas con fondos públicos, o que eleva a ratio de cobertura ata o 41% e sitúa a nosa comunidade oito puntos por riba da media recomendada pola Unión Europea

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá en Mondoñedo a escola infantil da Galiña Azul coincidindo co inicio do novo curso escolar nos centros pertencentes a esta rede pública autonómica que abren as súas portas cun total 8260 nenos e nenas de 0 a 3 anos admitidos, 237 máis que o curso anterior. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños, tamén participou neste acto de apertura do curso.

A distribución por provincias dos admitidos é a seguinte: 3478 menores na da Coruña, 2933 na de Pontevedra, 926 na de Lugo e 863 na de Ourense. No que atinxe á lista de espera provisional, o inicio do curso rexistra 2981 solicitudes que, no caso de que o teñan pedido, se poderán acoller ao programa Bono Concilia e recibir unha axuda de entre os 45 e os 250 euros mensuais, a contía varia en función da renda da unidade familiar, para contribuír ao pago de praza na escola infantil que elixan e que non conte con financiamento por parte da administración. Deste xeito, a lista de agarda volverá ser de cero un curso máis.

Así mesmo, cómpre salientar que se reservan 492 prazas para emerxencias e que o número de vacantes ascende a 1292, a maioría das cales se corresponden con prazas non cubertas no grupo de idade de 0 a 1.

No presente curso 2018-2019, Galicia pon a disposición das familias un total de 24.081 prazas sostidas con fondos públicos das cales 10.264 repártense entre as 172 escolas infantís que conforman o mapa de centros da Galiña Azul. Esta cifra supón un incremento do 4,7% con respecto ao curso pasado, con 484 novas prazas e a entrada en funcionamento de cinco novas escolas infantís en Santiago, Lugo, Ourense, A Estrada e Mos, así como o regreso á actividade prevista para o vindeiro mes de outubro da escola Santa Susana en Santiago.

O resto das prazas complétanse coas que dependen de entidades de iniciativa social, da rede de escolas municipais, as prazas subvencionadas en escolas privadas que este curso se incrementan un 16% e se resolverán nos vindeiros días, as financiadas a través do Bono Concilia e as escolas que xestionan entidades como o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e as universidades. Esta oferta sitúa a nosa Comunidade cunha ratio de atención en prazas para escolares de 0 a 3 anos no 41%, oito puntos por enriba da media aconsellada pola Unión Europea.


- Te recomendamos -