Inicio Galicia A Xunta inicia os traballos técnicos para definir a terminal de autobuses...

A Xunta inicia os traballos técnicos para definir a terminal de autobuses integrada na estación intermodal de Ferrol

0

Esta campaña, que se levará a cabo entre o 21 e o 28 de novembro, ten como obxectivo a caracterización da oferta e da demanda existente tanto na estación de autobuses como na de ferrocarril

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inicia os traballos técnicos para a definición da terminal de autobuses integrada na estación intermodal de Ferrol.

No marco destas actuacións, vaise iniciar a campaña de campo para a caracterización da oferta e da demanda existente tanto na estación de autobuses como na de ferrocarril.

Estes traballos, que se efectuarán entre o 21 e o 28 de novembro, inclúen a realización de enquisas de mobilidade co fin de recoller información sobre a orixe e o destino dos desprazamentos, modos de transporte empregados, motivo das viaxes, xeitos de acceso á estación, frecuencia dos desprazamentos e o grao de satisfacción do enquisado.

Para mellorar a caracterización da oferta e demanda existentes, realizarase un estudo pormenorizado na estación de autobuses, determinándose en días laborais o número de expedicións coa identificación de cada unha das liñas da súa demanda, hora de chegada/saída da estación e a orixe e o destino de cada unha das rutas.

Tamén se concluirá o dimensionamento da futura estación intermodal, acorde coas necesidades operativas e funcionais que unha infraestrutura destas características precisa, así como o seu papel como dinamizador da cidade.

O Goberno galego está a apostar pola intermodalidade para fomentar o uso do transporte público en detrimento do vehículo privado e acadar unha mobilidade máis sostible na comunidade.


- Te recomendamos -