A realización destas actuacións contan cun prazo de execución de 4 meses
A Xunta iniciará o vindeiro luns, día 21 de maio, as obras de reforzo de firme nas estadas autonómicas da comarca do Morrazo, cun investimento da Consellería de Infraestruturas e Vivenda de preto de 600.000 euros.
As obras, a executar nun prazo de catro meses, localízanse na variante de Marín (VG-4.4), e nas estradas PO-315 e PO-551. Mais polo miúdo, o proxecto define reparacións do firme que permitan prolongar a vida útil do pavimento destas estradas, ao seu paso polos Concellos de Bueu, Cangas, Pontevedra, Marín e Moaña.
Estas actuacións comezarán este luns pola variante de Marín (VG-4.4), estrada na que se reparará o firme mediante o fresado e a reposición entre o Pq. 0 e o 4+400, nos Concellos de Pontevedra e Marín.
Na estrada PO-315, nos Concellos de Bueu e Cangas, realizaranse reparacións do firme ao longo de toda a estrada mediante fresado e reposición ou extensión de microaglomerado, segundo a necesidade de cada subtramo.
Na PO-551, traballarase na rehabilitación da capa de rodadura mediante a extensión de microaglomerado en numerosos tramos da estrada, nos Concellos de Marín, Bueu, Cangas e Moaña.
Plan de reforzos de firmesA consellería, coa execución deste tipo de traballos, continúa co desenvolvemento do Plan de Reforzos de Firme, que nos Orzamentos para 2018 incrementa de modo moi importante a súa dotación de 15 a 20 millóns de euros.
O departamento de Infraestruturas da Xunta está a realizar importantes esforzos en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, cumprindo o obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.
- Te recomendamos -