A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, visitou hoxe os traballos que se realizarán sobre unha lonxitude de algo máis de 1,5 quilómetros cun investimento de case 30.000 euros
San Cristovo de Cea (Ourense), 16 de xullo de 2018.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), vén de iniciar as obras de mellora do estado de conservación das beirarrúas existentes na estrada OU-187 (Fondo de Cea-OU-504), no treito correspondente á travesía do concello de San Cristovo de Cea. Estes traballos, que teñen un prazo de execución de 3 semanas e e se van realizar a cargo do contrato de conservación, contan cun orzamento de case 30.000 euros. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada polo alcalde do municipio, José Luis Valladares, visitou hoxe as obras e subliñou que esta actuación execútase para mellorar a mobilidade e accesibilidade na estrada OU-187 ao seu paso polo concello de San Cristovo de Cea. Díaz Mouteira indicou que “a execución deste proxecto supón o cumprimento adquirido no seu día polo Goberno galego co alcalde deste municipio para dar resposta ás necesidades da veciñanza”.
A estrada OU-187 ten unha lonxitude de 1.570 m que discorre case en toda a súa lonxitude pola capitalidade de San Cristovo de Cea, con beirarrúas en boa parte das dúas marxes. A actuación consistirá na rehabilitación do muro de contención de pedra duns 10 metros de lonxitude e 2,5 m de altura que se atopa na actualidade en mal estado e que serve para conter un treito de beirarrúa. Ademais, tamén se procederá á substitución das baldosas do seu pavimento que estean deterioradas ou rotas por outras novas, mantendo as aliñacións e a anchura das existentes.
Nesta estrada xa se levaron a cabo hai dous anos melloras importantes que consistiron na reposición do firme da estrada e na completa sinalización horizontal que supuxeron un investimento duns 100.000 euros
- Te recomendamos -