Inicio Galicia A Xunta inicia a elaboración dos orzamentos de 2019, que van priorizar...

A Xunta inicia a elaboración dos orzamentos de 2019, que van priorizar o gasto en I+D+i, en persoal e no inicio do Xacobeo 2021

0

O Goberno galego volverá apostar pola internacionalización, a innovación e o coñecemento, e manterá como folla de ruta o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020


A Xunta de Galicia deu hoxe comezo ao proceso de elaboración dos Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2019, unhas contas que terán como prioridade reforzar o gasto en I+D+i e en persoal, ao mesmo tempo que xa estarán orientados á programación do Xacobeo 2021.

En conxunto, os Orzamentos da Xunta para 2019 terán como principal obxectivo manter o actual vieiro de crecemento estable e san, que está permitindo a Galicia acadar un forte crecemento da economía –o PIB de Galicia medrou por riba do 3% no ano 2017- e do emprego, ao tempo que se continúa reforzando o gasto social, se reduce o gasto en xuros de débeda e se reforza o capítulo de investimentos.

Seguindo a liña de anos anteriores, as contas terán como base un modelo económico de crecemento baseado no coñecemento, a especialización, a innovación e a internacionalización da economía galega. Ademais, o Goberno galego manterá como folla de ruta o Plan Estratéxico de Galicia (PEG) 2015-2020, cuxa implementación está a pleno rendemento e xa deu comezo a fase de avaliar os seus resultados.

Segundo establece a orde da Consellería de Facenda pola que se ditan instrucións para a elaboración dos Orzamentos para o ano 2019, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, as contas para 2021 terán unha orientación especial ao gasto en persoal, os investimentos e a programación do Xacobeo 2021, que permitirá capitalizar os recursos da recuperación económica así como reforzar a capacidade de crecemento potencial da economía galega.

Respecto á elaboración dos orzamentos, estes partirán da avaliación dos indicadores de produtividade dos exercicios pechados, empregando os resultados de desenvolvemento como elemento para determinar as partidas das contas para 2019. Estes indicadores tamén seguen a fixar os obxectivos operativos de cada proxecto de gasto como primeiro paso do proceso de elaboración de orzamentos cara a resultados, que debe continuarse cunha orientación da xestión da Xunta nos vindeiros exercicios para acadar os resultados do PEG.

Elaboración dos orzamentosO proceso de elaboración dos orzamentos estrutúrase en torno a catro comisións. A Comisión de análise e avaliación dos obxectivos dos programas de gastos avaliará os obxectivos estratéxicos e operativos asignados aos distintos programas de gasto e aos seus indicadores de resultado, e a coherencia dos indicadores de produtividade asignados a cada partida orzamentaria. Estes obxectivos coinciden cos marcados polo Plan Estratéxico.

Pola súa banda, a Comisión de ingresos propios e finalistas encárgase das tarefas de determinación, análise e agregación dos datos precisos para elaborar as previsións sobre taxas e prezos e demais ingresos de dereito público, sobre ingresos de carácter finalista procedentes da Administración do Estado ou doutras administracións públicas e sobre as correspondentes aos organismos autónomos e axencias.

A comisión de fondos europeos e Fondo de Compensación Interterritorial realizará as tarefas precisas para a estimación das certificacións previstas dos distintos fondos, mentres que a Comisión funcional do gasto determinará en función dos obxectivos e prioridades de gasto establecidas no Plan Estratéxico de Galicia ata 2020, a distribución do orzamento por programas, capítulos e proxectos de gasto.


- Te recomendamos -