Inicio Galicia A Xunta informa mañá en Santiago a técnicos dos servizos sociais e...

A Xunta informa mañá en Santiago a técnicos dos servizos sociais e de oenegués sobre a tramitación das axudas autonómicas do bono social eléctrico

0

O local de Cáritas Diocesana acollerá a partir das 11 horas deste venres unha das xornadas previstas nas sete principais cidades para formar aos técnicos que traballan de xeito directo cos consumidores máis vulnerables

A Xunta impulsa mañá venres en Santiago de Compostela, a partir das 11 horas no local de Cáritas Diocesana de Santiago (rúa Carreira do Conde, 14) unha das xornadas incluídas na campaña informativa para facilitar aos consumidores máis vulnerables a tramitación do bono social eléctrico e da axuda complementaria impulsada pola Administración autonómica, que permite asumir o pagamento do 100% da factura, e que garante así mesmo que non van sufrir ningún corte no servizo.

Esta iniciativa inclúe, dunha banda, encontros nas sete principais cidades galegas para formar e asesorar aos técnicos dos servizos sociais municipais e das asociacións de consumidores, ademais de ao persoal de Cáritas e Cruz Vermella, que colaboran coa Xunta neste eido. Ademais, estanse a distribuír nas oficinas dos servizos centrais e das delegacións da Xunta, nos concellos e nas dependencias de Cáritas e Cruz Vermella e nas distintas asociacións de consumidores e usuarios unha primeira tirada de 50.000 folletos para achegar á cidadanía as claves destes apoios, unha información tamén dispoñible na web do Inega e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC). Este último conta co teléfono gratuíto 900 231 123 para atender as consultas dos consumidores.

O bono social do Estado supón unha bonificación de entre o 25% e o 40% no recibo de luz. Galicia foi a primeira comunidade en ofrecer axudas complementarias, e así, a Xunta cobre o 50% do pagamento da factura eléctrica dos consumidores vulnerables severos e garante ao mesmo tempo que non van sufrir ningún corte no servizo. Este complemento permite que os beneficiarios poidan asumir o pagamento do 100% da factura, xa que outro 10% asúmeo o propio sistema eléctrico.

O apoio autonómico, cuxo prazo de presentación permanece aberto durante todo o ano e do cal xa se benefician 500 familias, regúlase a través dunha orde de axudas cunha contía máxima de 250 euros ao ano, ou de 400 euros no caso das familias numerosas, e compleméntase co protocolo de colaboración asinado coas principais comercializadoras para evitar o corte de subministración entre los consumidores más sensibles. 


- Te recomendamos -