Política Social destina na actualidade 2,2 millóns de euros en poñer á disposición das familias 172 prazas nos centros de Velle e A Peroxa que xestiona esta Asociación de Pais e Nais a favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Ourense
O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, salientou hoxe, durante a visita que realizou aos servizos da Asociación de Pais e Nais a favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Ourense (Aspanas), a colaboración que o seu departamento mantén con esta entidade a través do concerto de prazas. En concreto, a Consellería de Política Social inviste este ano 2,2 millóns de euros en poñer a disposición das familias 172 prazas nos centro de día e ocupacional, así como nas residencias para adultos e para persoas gravemente afectadas que a devandita entidade ten no lugar de Velle e no municipio da Peroxa.
Ildefonso de la Campa, que estivo acompañado da delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz, avanzou que a oferta de prazas nos centros de Aspanas se incrementará en 2019 con 10 novas de carácter residencial, dentro da aposta de Política Social por reforzar a atención á discapacidade. Neste sentido, o director xeral apuntou que esta medida reafirma o compromiso do Goberno galego por que “a igualdade real de oportunidades chegue tamén ás galegas e galegos con capacidades diferentes”.
Durante a visita, o director xeral enxalzou o traballo que está a realizar Aspanas, “entidade coa que compartimos os obxectivos de mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade, favorecer a súa integración na sociedade e apoiar ás familias”. Ao respecto, garantiu a continuidade do apoio da Xunta a este colectivo con máis fondos en 2019 para a liña de axudas para a promoción da autonomía persoal e para crear novos equipos de atención temperá. De feito, destacou que este impulso na atención á discapacidade é posible por mor de que o orzamento de Política Social para esta finalidade alcanzará o vindeiro exercicio os 106 millóns de euros.
Por outra banda, Ildefonso de la Campa, visitou tamén en Ourense o centro de día e a residencia para persoas gravemente afectadas que xestiona Aixiña, así como a residencia de titularidade pública Nosa Señora dos Milagres de Barbadás, con capacidade para 130 maiores dependentes. Ao respecto dos centros de Aixiña, a Xunta destina este ano máis de 480.000 euros ao financiamento de 30 prazas nestes servizos, incluído o transporte dos seus usuarios.
E, por último, o responsable de Maiores coñeceu en primeira persoa a residencia Nosa Señora dos Milagres, onde a Xunta está a levar a cabo unha actuación de mellora enerxética. Estas obras, licitadas o pasado mes de abril, suporán un investimento de 1,2 millóns de euros e redundarán na mellora das condicións das persoas usuarias deste recurso asistencial.
- Te recomendamos -