Inicio Galicia A Xunta incrementa na provincia de Lugo un 6% o investimento en...

A Xunta incrementa na provincia de Lugo un 6% o investimento en atención á discapacidade nos novos orzamentos de 2019

0

Destínanse 12 millóns de euros a consolidar a oferta de prazas públicas residenciais nos concellos lucenses

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, destacou hoxe o incremento nun 6% do investimento da Xunta na provincia de Lugo para consolidar en 2019 a oferta de prazas públicas de atención á discapacidade, que sumará 12 millóns de euros. Fíxoo tras visitar a residencia de persoas dependentes con discapacidade física gravemente afectada de Bóveda, na que a Administración autonómica aumentou este ano en 9 máis o número de prazas concertadas postas a disposición das familias, ata chegar na actualidade ás 114 cun investimento de 2,8 millóns de euros.

Nesta liña, Ildefonso de la Campa reiterou o compromiso do Goberno galego coas persoas con discapacidade e as súas familias, o que se plasma nos 106 millóns de euros que se destinan a esta área nos orzamentos de 2019, un 63% máis que hai nove anos. O obxectivo é que a igualdade real de oportunidades chegue tamén aos galegos e galegas con capacidades diferentes, de feito a rede de prazas públicas de atención a este colectivo superará as 5.400 o vindeiro ano, o que supón un aumento do 25% con respecto á situación de 2009.

Por último, o director xeral apuntou que grazas a este incremento dos fondos tamén medran outras partidas destinadas ás persoas con capacidades diferentes, como a orde para a promoción da autonomía persoal ou a liña de axudas aos concellos. Esta última medida permitirá crear cinco novas unidades de atención temperá, así como consolidar as 16 xa existentes a día de hoxe e que prestan servizo a máis de 90 municipios das catro provincias galegas.


- Te recomendamos -