A finalidade do acordo é promover e contribuír ao financiamento da actividade de captación e reparto de alimentos que realizan estas entidades para que as persoas e familias con menos recursos poidan satisfacer as súas necesidades alimenticias básicas
A Xunta reforza o seu apoio económico á Federación Galega de Bancos de Alimentos (Fegaban) cun incremento do 3% no novo convenio de colaboración para o presente ano, que ascende a 67.980 euros. O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o presidente da devandita federación, José Pita Chento, asinaron esta mañá en San Caetano o sinalado acordo, que ten por obxecto promover e contribuír ao financiamento da actividade de captación e reparto de alimentos ás institucións e entidades benéficas para que as persoas e familias con menos recursos poidan satisfacer as súas necesidades alimenticias básicas.
O conselleiro subliñou a función que cumpren os bancos de alimentos, que valorou como “exemplos de xestión e aproveitamento da colaboración solidaria e desinteresada dos galegos e galegas”. Así mesmo, fixo fincapé no “esforzo anónimo dos voluntarios e voluntarias que durante todo o ano dedican parte do seu tempo a almacenar e preparar os lotes de produtos que logo se reparten ás entidades e organizacións benéficas”.
Na actualidade, en Galicia existen bancos de alimentos nas catro provincias. Estes son: Banco de Alimentos Rías Altas na Coruña, Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo, Asociación Banco de Alimentos de Vigo, Asociación Banco de Alimentos de Ourense, Fundación Banco de Alimentos de Lugo e Asociación Banco de Alimentos Rías Baixas Pontevedra.
- Te recomendamos -