Esta contía súmase aos preto de 13 millóns de euros á convocatoria de 2018 destas axudas, sumando unha cantidade total de preto de 20 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe en Mos as instalacións da empresa de transformación de produtos do mar Conxelados Noribérica. Alí destacou a aposta da Xunta pola mellora das instalacións das empresas deste sector e subliñou que o Goberno galego incrementou en 6,6 millóns de euros a contía destinada á convocatoria de 2018 das axudas para as pequenas e medianas empresas deste eido.
Esta cantidade súmase aos preto de 13 millóns de euros destinados inicialmente, o que dá un importe total de preto de 20 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), para a convocatoria deste ano. Este incremento, que se publicou hai uns días no Diario Oficial de Galicia, realízase, explicou Rosa Quintana, debido á concorrencia desta convocatoria, na que se rexistraron preto de 80 solicitudes, que están en trámite de resolución, e á existencia de dispoñibilidade orzamentaria.
Con estas axudas, lembrou a titular de Mar, a Xunta subvenciona ata o 50% das melloras que realicen as pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura e que fomenten a sustentabilidade ambiental. Así, a través delas, a Administración galega busca apoiar investimentos que realicen as pemes e que contribúan a aforrar enerxía ou reducir o impacto no medio ambiente.
Tamén, contribuímos, engadiu a conselleira, a realizar accións que melloren a seguridade, a hixiene, a saúde e as súas condicións de traballo e investimentos que dean lugar a novos e mellores produtos, procesos e sistemas de xestión e organización, entre outros aspectos.
En relación ás convocatorias de 2016 e 2017 desta liña de axudas, Rosa Quintana lembrou que delas se beneficiaron arredor de 80 pemes de transformación de produtos do mar por valor de máis de 12 millóns de euros. Entre os proxectos subvencionados, houbo iniciativas relacionadas con equipamentos para a mellora dos procesos de transformación, coa innovación no ámbito de novos e mellores procesos, coa mellora no tratamento de residuos e co aforro enerxético.
Conxelados Noribérica, S.
A.
A empresa de Conxelados Noribérica fundouse en 1994 e está situada en Mos. Desenvolve a súa actividade dentro do sector de peixes e mariscos ultraconxelados e dedícase ao envasado de produtos do mar, entre eles, calamar, aneis de pota, polbo enteiro, polbo cocido; toros de atún, peixe espada e caella, e mariscos, como carne de mexillón, mexillón de media concha e gambón. Tamén elabora precociñados, como buñuelos de bacallau, bacallau rebozado, aneis á romana e paella, entre outros, e preparados como a ensalada do mar.
Na visita, a conselleira estivo acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, e sinalou que Noribérica recibiu distintas das axudas da Xunta para a mellora das súas instalacións. Ademais puxo de relevo a vocación exportadora desta empresa, que nos seus 24 anos de actividade levou o seu produto a máis de 23 países, centrando a súa actividade en Italia, onde se sitúa entre as marcas líderes.
- Te recomendamos -