O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe un convenio de colaboración neste sentido co presidente da Federación, Francisco Martín
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe un convenio de colaboración co presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín, co obxectivo de sumar aos clubes deste deporte á loita contra a violencia de xénero e ao compromiso coa igualdade entre homes e mulleres.
No acto tamén tomaron parte representantes dos equipos Obradoiro CAB, do CB Breogán, do Club Universitario de Ferrol, do Ensino Lugo CBF, Basquet Coruña, Bosco-Celta, CB Arxil e o Club Maristas Coruña.
En virtude deste acordo, e con motivo da celebración o próximo 25 de novembro do Día internacional contra a violencia de xénero, os xogadores e xogadoras levarán pañoletas violetas, ademais de que os clubes difundirán tamén a campaña da Xunta contra a violencia de xénero.
O obxectivo desta iniciativa é seguir sumando a distintos sectores da sociedade á loita activa contra esta lacra todos os días do ano. Neste sentido, o deporte xoga un papel fundamental polo seu número de afeccionados e afeccionadas, pola súa repercusión social e pola súa importancia na formación das xeracións máis novas, especialmente no que se refire ao deporte base.
Por iso, a Xunta está facendo especial fincapé neste eido. O ano pasado esta liña de traballo comezaba coa adhesión pioneira da Federación Galega de Fútbol á campaña do 25 de novembro. Este ano xa se asinou tamén un convenio de colaboración coa Federación de balonmán, e hoxe súmase tamén o baloncesto.
Para a Administración autonómica a loita contra a violencia de xénero e o compromiso pola igualdade son asuntos de máxima prioridade, que se abordan de xeito transversal e en distintas fases como a prevención, a sensibilización ou a asistencia ás vítimas.
- Te recomendamos -