As intervencións sobre o ben, así como aquelas que se realicen na súa contorna, requirirán autorización previa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural
Moaña (Pontevedra), 21 de xuño de 2018.- A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de acordar a inclusión das carpinterías de Ribeira de Casqueiro e Carlagho, na parroquia de San Martiño do concello de Moaña, no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia.
A resolución, publicada este mércores no Diario Oficial de Galicia especifica un nivel de protección ambiental, o que supón a conservación dos aspectos máis visibles e evidentes dos bens que conforman un ambiente de forma homoxénea e harmoniosa. Na seguinte ligazón pódese ampliar a información relativa a este anuncio.
Na mesma recóllese que calquera tipo de intervención no asteleiro ou na súa contorna deberá contar coa preceptiva autorización da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, estando autorizadas as actuacións relativas á investigación, mantemento, conservación, consolidación, restauración, rehabilitación e reestruturación, sempre e cando non deterioren o ben ou supoñan a destrución dos valores culturais que aconsellan a súa protección.
A recuperación da carpintaría de Casqueiro, da cal só permanecen os muros perimetrais de cantaría, debe garantir o cumprimento das condicións indicadas, e no proceso de rehabilitación para usos compatibles co seu contorna urbana, preferentemente os de salvagarda dos valores culturais que se protexen.
Así o informou hoxe o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, quen explicou nunha visita á localidade pontevedresa que a resolución é polo tanto favorable á continuidade do paseo pola fronte marítima, en sintonía co nivel das edificacións, que deben manterse garantindo as solucións compatibles coa saída e contacto co mar.
Non se considera que a protección definitiva da contorna teña que afectar ao resto de edificacións do ámbito, polo que se reduce a necesaria autorización previa para os proxectos que desenvolvan a urbanización dos espazos públicos, nomeadamente o tramo de avenida e a súa beirarrúa cara á vila, e o paseo e límite litoral cara ao mar. En consecuencia, segundo dixo o representante autonómico, debe garantirse a compatibilidade entre a zona de vixilancia de litoral e salvamento, a potencial continuidade do paseo litoral e o propio uso das edificacións e o seu contacto funcional co mar, a través de guías ou da solución técnica que se poida habilitar para o efecto.
- Te recomendamos -