A directora xeral destacou a importancia tanto das entidades de iniciativa social como das accións de voluntariado na consecución dunha sociedade máis inclusiva
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia), Cecilia Vázquez Suárez, inaugurou esta mañá o curso de verán da Universidade da Coruña (UDC) sobre ‘Diversidade, Inclusión e Intervención Sociocomunitaria’ que se celebra desde hoxe ata o vindeiro venres na Casa da Cultura do municipio coruñés de Sada. A responsable autonómica tamén participou como poñente cun relatorio titulado ‘As políticas de xuventude na construción do seu mundo futuro’.
Na súa intervención, Cecilia Vázquez destacou a importancia que ten esta actividade para reflexionar sobre a necesidade de seguir avanzando na construción de sociedades máis inclusivas e, polo tanto, tamén máis xustas. Ao respecto, apuntou que é fundamental o compromiso de todos, administracións, entidades sociais e sociedade en xeral, para acadar a plena inclusión; ao tempo que recoñeceu tanto o traballo que neste propósito desenvolven tanto as entidades de iniciativa social como a importancia que teñen as accións de voluntariado.
No que atinxe ao tema do seu relatorio propiamente dito, a directora xeral indicou que a Xunta de Galicia leva anos dando prioridade nas actividades e programas dirixidos á mocidade a educación non formal, co obxecto de “mellorar as competencias e capacidades da xente nova e como complemento na súa traxectoria persoal e formativa”.
Así mesmo, fixou como outro dos focos prioritarios en materia de xuventude o fomento de experiencias profesionais e persoais tanto na propia Comunidade Autónoma como noutros países, xa que “é un elemento positivo que contribúe á mellora en competencias e habilidades, incrementando as posibilidades de inserción laboral e dotando de recursos humanos de calidade ao tecido empresarial do país de orixe”. Neste ámbito de actuación puxo en valor a alta participación de Galicia en programas como Erasmus+, así como da iniciativa de mobilidade transnacional xuvenil da Xunta denominado Galeuropa. Cecilia Vázquez tamén defendeu a implicación da mocidade nas políticas que lle afectan mediante un diálogo estruturado e continuo entre responsables políticos, os mozos e mozas e as organizacións xuvenís, co obxectivo de artellar unha política de xuventude “máis eficaz, coordinada e consensuada, que define recursos e medidas efectivas e modernas para favorecer a creación de oportunidades para toda a xente nova”.
Neste curso da UDC profesionais e expertos no ámbito da inclusión e da diversidade abordaron cuestións como a diversidade sexual, afectiva e de xénero; o lecer inclusivo; as fórmulas emerxentes de atención e benestar social; os roles dos educadores e das familias na convivencia escolar ou o papel da muller, as perspectivas de cambio e alternativas para un mudo de igualdade.
- Te recomendamos -