Inicio Galicia A Xunta inaugura a mostra ?Que ninguén quede atrás? de Fademga para...

A Xunta inaugura a mostra ?Que ninguén quede atrás? de Fademga para dar unha maior visibilidade ás persoas con discapacidade intelectual

0

O evento forma parte da campaña ‘CapacitARTE’ impulsada Administración autonómica e as organizacións que integran o Cermi Galicia, e que consiste na realización de mostras monográficas sobre os servizos e proxectos que realizan as entidades do ámbito da discapacidade


A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Fabiola García Martínez, inaugurou esta mañá a mostra ‘Que ninguén quede atrás’ da Federación de Asociacións en Favor de Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (Fademga Plena Inclusión), que permanecerá exposta no espazo da pirámide do edificio administrativo de San Caetano. A exposición está formada por unha vintena de fotografías e texto explicativo que reflicten o día a día deste colectivo, deste colectivo, así como as actividades e programas que se desenvolven baixo o paraugas desta federación.

O presidente de Fademga, Eladio Fernández, tamén asistiu ao acto de apertura desta exposición, que forma parte da campaña “CapacitARTE” na que participan a Xunta e as entidades que forman parte do Comité Español de Persoas con Discapacidade na Comunidade Autónoma (Cermi Galicia). Esta iniciativa consiste na realización de mostras monográficas sobre os servizos e proxectos que levan a cabo cada unha das organizacións que forman parte da delegación galega do Cermi.

Na súa intervención, Fabiola García explicou que o obxectivo desta serie de exposicións “é dar visibilidade ás persoas con distintas capacidades, así como poñer en valor a importante tarefa que levan a cabo as entidades, sempre a pé campo e ao carón das persoas que máis precisan de apoio e das súas familias”.

Nesta liña, a directora xeral felicitou a Fademga polo traballo que realiza a prol da plena inclusión, que está documentado na exposición que hoxe se abriu de maneira oficial. “Detrás destas imaxes está todo o traballo, esforzo, dedicación e afán de superación que cada día amosan as persoas con discapacidade intelectual”, apuntou.

A responsable autonómica garantiu o compromiso da Xunta de seguir traballando pola integración real e á igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade, tanto a través de novas convocatorias de emprego reservadas en exclusiva para este colectivo como favorecendo nos criterios de licitación de servizos a aquelas entidades e empresas sociais nas que estas persoas supoñan unha porcentaxe importante do seu persoal.

Así mesmo, Fabiola García subliñou o reforzo económico dos convenios de colaboración coas entidades do ámbito da discapacidade, cuxas contías medran de novo este ano un 5%. E, ao fío disto, lembrou que o actual orzamento autonómico incrementou nun 8% as partidas económicas para servizos, programas e axudas destinados a persoas con discapacidade, ata situarse nun montante total de case 103 millóns de euros. “Continuaremos traballando man a man coas entidades, facilitándolles os recursos que precisan para que poidan prestar un mellor servizo”.

A campaña “CapacitARTE”, que se está a desenvolver nas instalacións de San Caetano, consiste na realización de exposicións monográficas sobre os servizos e proxectos que levan a cabo cada unha das entidades que conforman o Cermi-Galicia. O obxectivo, é dar visibilidade ás persoas con discapacidade, ao mesmo tempo que o movemento asociativo pode contar dunha maneira máis exhaustiva o traballo diario dos profesionais en prol do colectivo de persoas con discapacidade intelectual e familias.


- Te recomendamos -