Créase o Bono Autonomía en Residencia para todas aquelas persoas pendentes de acceder a unha praza en residencia e vólvese a reforzar, un ano máis, o número de horas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF)
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, presentou hoxe o Plan de Apoio á Dependencia, un novo impulso neste ámbito que permitirá superar as 60.000 persoas con atención antes de que remate o presente ano, “unha cifra nunca antes acadada”, apuntou. En concreto, esta nova proposta de actuación, que terá aparellado un investimento de 21 millóns de euros, fará posible que a partir do vindeiro mes de setembro se incorporen de maneira progresiva 4.000 novas persoas como beneficiarias dos recursos públicos de prevención e coidado da dependencia.
Ao respecto, Rey Varela destacou que a execución deste plan que ampliará a cobertura a máis de 60.000 persoas “suporá adiantar dous anos un obxectivo que inicialmente se fixou para toda a lexislatura”. E para elo, a Xunta de Galicia, aplicará dúas medidas: volverá a reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e creará o Bono Autonomía en Residencia, unha achega para sufragar unha praza residencial privada a aquelas persoas que así o solicitaran e estean en lista de agarda.
O titular de Política Social explicou que o Bono Autonomía en Residencia consiste nunha axuda directa a aquelas persoas que teñan recoñecido un grao de dependencia e estean á espera de acceder a unha praza nunha residencia pública. Deste xeito, a aqueles que estean pendentes de recibir un recurso de atención residencial e non perciban ningunha outra prestación das incluídas no Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia (SAAD), a administración ofreceralles unha libranza vinculada para a adquisición dun servizo de atención residencial co fin de sufragar o custo da súa estancia nun centro privado mentres agarda, si así o desexa, pola súa incorporación a unha praza nun centro público. A medida poderá beneficiar a preto de mil persoas, que recibirán de media 490 euros ao mes, podendo percibir un máximo de 715 en función da súa capacidade económica e do grao de dependencia recoñecido. O custo da posta en marcha desta medida superará os 6,3 millóns de euros.
Ao tempo que se pon en marcha esta nova iniciativa, Rey Varela indicou que o seu departamento autonómico ten previsto volver a reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) cun incremento de máis de 1,5 millóns de horas anuais e un custo de máis de 1,2 millóns de euros ao mes. Con esta medida se incrementarán as horas dispoñibles en case 127.000 horas ao mes, ata alcanzar os 8,9 millóns de euros de horas concedidas aos 313 concellos e 7 mancomunidades de concellos de Galicia. O conselleiro lembrou que o SAF é un dos recursos mellor valorados polas persoas con dependencia e representa máis do 32% das prestacións totais do SAAD (máis de 21.600 galegos e galegas se benefician hoxe deste servizo). Esta proposta chegará a preto de 3.000 persoas e costará 14.7 millóns de euros.
O responsable da área social do Goberno galego sinalou que este plan de acción para mellorar a atención dos galegos e galegas en situación de dependencia vén a reforzar outras propostas da Xunta neste campo. Así, referiuse ao Plan ‘Como na casa’, que contempla a posta a disposición dos nosos maiores de 900 novas prazas residenciais a través da construción de 7 novas residencias nas 7 grandes cidades de Galicia; e ao Plan ‘Na casa’ que está a posibilitar a aquelas persoas dependentes que, por vontade propia, deciden permanecer nos seus domicilios ou na súa contorna familiar, o poidan facer a través do reforzo de programas como o SAF, a teleasistencia ou o servizo de ‘Xantar na casa’.
Nesta liña, Rey Varela fixo fincapé no notable impulso na atención á dependencia que rexistra Galicia nos últimos anos. Así, a comunidade pasou de 40.173 persoas con servizo e unha ratio de cobertura do 61,5% en outubro de 2015 aos actuais 57.058 e 84,75% de porcentaxe de atención que sitúan a Galicia cinco puntos por riba da media do conxunto de España, segundo o último informe do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social correspondente ao pasado mes de xuño. Isto significa que en menos de tres anos Galicia sumou 16.865 novos dependentes con atención e incrementou a cobertura das prestacións en máis dun 23%.
Por último, o conselleiro explicou que este reforzo da atención aos maiores é posible debido ao incremento dos recursos económicos destinados para este fin nos últimos nove anos, nos que se pasou de 276 millóns de euros en 2009 a 414 no presente exercicio de 2019. Así mesmo, engadiu que no último trienio –entre 2015 e 2018- os orzamentos autonómicos desta área aumentaron nun 19,4%.
- Te recomendamos -