Inicio Galicia A Xunta impulsa un curso de creatividade dixital para que mozos de...

A Xunta impulsa un curso de creatividade dixital para que mozos de Galicia e Portugal promovan o voluntariado a través de Youtube

0

A través desta aposta formativa, anímase a divulgar a cultura galega e portuguesa desde o punto de vista da xuventude que vive nas áreas transfronteirizas

Mozos e mozas de Galicia e Portugal de entre 18 e 30 anos participan hoxe na sede da Eurocidade Chaves Verín na acción formativa Youtubers voluntari@s, impulsada pola Xunta de Galicia e que ten como obxectivo que adquiran coñecementos con vistas á elaboración de contidos creativos dixitais nas súas accións de voluntariado.

No transcurso desta xornada, animarase á mocidade participante a aproveitar as novas tecnoloxías do marketing dixital para promocionar e divulgar a cultura galega e lusa desde o punto de vista da xuventude que vive nas áreas transfronteirizas. A acción terá carácter multidisciplinar e ensinará como abordar unha posta en escena exitosa ante unha cámara e unha comunidade de seguidores con maiores coñecementos técnicos e comunicativos. Así, os participantes aprenderán cal é o material audiovisual preciso, como facer vídeos propios e como preparar os contidos, e tamén poderán escoitar consellos para ter popularidade en Youtube a través da experiencia dunha youtuber profesional.

A actividade, que pretende promocionar e estimular a innovación e crear sinerxias de traballo entre os mozos e mozas galegos e portugueses,Proxecto Eurocidade 2020Youtubers voluntari@s enmárcase no proxecto A Eurocidade Chaves-Verín como ferramenta de aproximación de Europa 2020 aos cidadáns (Eurocidade 2020) aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (POCTEP).

A entidade xefa de fila do proxecto é a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Eurocidade Chaves- Verín e como socios están a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, o Instituto Portugués do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesa (FNAJ), o Concello de Verín e a Cámara Municipal de Chaves. O orzamento total do proxecto, cunha financiación dun 75% de fondos Feder, ascende á cantidade de 1.775.405, 17 euros e estenderá a súa vixencia ata o 2019.

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, sen prexuízo das actividades que desenvolve en colaboración cos socios do proxecto, conta con dous recursos na sede da Eurocidade Chaves Verín a disposición de todos os mozos e mozas ao longo de todo o ano: a Oficina de Información xuvenil transfronteiriza Galicia Norte de Portugal e o Local de ensaio.  


- Te recomendamos -