A Administración autonómica concede un crédito adicional de máis de 27.000 euros para reforzar a programación dos catro centros que están en funcionamento na provincia lucense, situados na cidade de Lugo e nos municipios de Ribadeo, Mondoñedo e Vilalba
O director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, Arturo Parrado Puente, mantivo esta tarde unha xuntanza de traballo cos responsables dos catro centros sociocomunitarios que a Consellería de Política Social ten en funcionamento na provincia de Lugo: o centro ‘A Milagrosa’, situado na propia cidade lucense; e outros tres emprazados nos concellos de Mondoñedo, Ribadeo e Vilalba. O obxecto deste encontro, no que tamén participou o delegado territorial José Manuel Balseiro, foi darlles conta do reforzo da partida económica destinada ao desenvolvemento do programa de actividades que se leva a cabo nestes equipamentos de titularidade pública.
Ao respecto, Arturo Parrado explicou que este crédito adicional responde “a gran importancia do labor desenvolvido a través destes recursos, así como os innegables beneficios que producen nas persoas maiores, principais usuarias dos mesmos”. En concreto, o devandito incremento ascende a 27.272 euros a distribuír entre os catro centros da rede autonómica na provincia. Con esta mellora económica “procuramos potenciar aínda máis os centros sociocomunitarios como espazos dinamizadores e de encontro da poboación, en especial da xente maior”, apuntou o director xeral.
Nesta liña, o responsable do departamento autonómico de Inclusión lembrou que un dos obxectivos das políticas sociais da Xunta de Galicia pasa pola posta en valor e relanzamento destes equipamentos, como espazos para a integración e a socialización, así como para propiciar unha vida activa e participativa. De feito, entre outras actividades, nos centros da provincia de Lugo lévanse a cabo actividades de ximnasia e saúde, psicomotricidade, pilates, ioga, bailes de salón ou mobilidade terapéutica.
Pero ademais das actividades encamiñadas a favorecer o envellecemento activo e saudable, estes centros tamén acollen obradoiros relacionados coas novas tecnoloxías como informática ou o uso de móbiles intelixentes, así como coa creatividade artística como pintura, decoración ou restauración. Tamén se organizan excursións, actuacións musicais e de baile, ou celebracións tradicionais no magosto e no nadal.
A finalidade dos centros sociocomunitarios é dar o mellor servizos ás persoas usuarias, polo que, sempre dentro das peculiaridades de cada un deles, ponse a disposición dos mesmos diversos servizos e equipamentos como sala de televisión, hemeroteca, biblioteca, xogos de mesa, cafetería, etc.
Os centros sociomunitarios son recursos de participación e convivencia que teñen como finalidade potenciar a plena integración das persoas maiores na vida social e previr o seu deterioro psicosocial mediante a realización de actividades físicas, de ocio, a utilización do tempo libre de forma saudable e a promoción solidaria do voluntariado.
- Te recomendamos -