Un centenar de mozos e mozas galegos e outros 200 do país veciño participan nesta iniciativa na que se celebrarán debates, conferencias, masterclass, teatros e visitas pedagóxicas
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou hoxe na inauguración da Mostra e Encontro da xuventude emprendedora Galicia-Norte de Portugal (MEXE), iniciativa que desde onte ata mañá reúne a 300 mozos na vila lusa de Arcos de Valdevez.
Un centenar de mozos e mozas galegos e outros 200 de nacionalidade portuguesa participan neste evento que conta cun programa de actividades que xira en torno a temas de interese común, principalmente aqueles que están relacionados co emprego e emprendemento xuvenil. Ademais, a xornada complétana debates, conferencias, masterclasses, teatro e visitas pedagóxicas, entre outras actividades complementarias.
Pola súa parte, Cecilia Vázquez sinalou que o que se pretende con esta mostra é crear “un espazo de aprendizaxe, de información sobre emprego e emprendemento, de animación, cultura e lecer que poida constituír un marco cualitativo do asociacionismo xuvenil da rexión do Norte de Portugal e Galicia”. Así mesmo, lembrou que hai xa 26 anos que os galegos e os portugueses do norte constitúen esta Eurorrexión, onde a día de hoxe conviven seis millóns de europeos, dos que aproximadamente un millón son mozos e mozas de entre 16 e 30 anos. Por iso, destacou que con este encontro ”búscase implicar aos mozos e mozas de Galicia e do Norte de Portugal no esforzo de impulsar a Eurorrexión como un territorio con posibilidades de crecemento futuro”.
Neste sentido, a directora xeral de Xuventude indicou que na Europa actual “as fronteiras que antes dividían e separaban, hoxe son unha ferramenta de crecemento”. Puxo como exemplo o caso de Galicia e o norte de Portugal, “onde xa non falamos de fronteiras senón de raias, sempre entendidas como pontes e camiños de entendemento e crecemento conxunto”, apuntou.
Proxecto LideraEsta iniciativa é unha actividade enmarcada no proxecto ‘Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo’ (Lidera), aprobado ao abeiro do programa Interreg España Portugal 2014-2020. O proxecto Lidera conta cun orzamento de máis de 1,4 millóns de euros cun cofinanciamento dun 75% de fondos Feder e unha duración de catro anos (2016-2019).
Cómpre destacar que este encontro forma parte da actividade ‘Emprende’ dirixida a aquelas iniciativas, ideas e entidades que desexen iniciar unha nova liña de negocio, que conten cun grao de madurez suficiente co obxectivo de apoialas, afianzalas e acompañalas durante a súa posta en marcha.
Son socios do proxecto: a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de Compostela, a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (Ascega), o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federação Nacional das Associações Juvenis (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.
- Te recomendamos -