Inicio Galicia A Xunta impulsa no IES Politécnico de Vigo Xeración Responsable para achegar...

A Xunta impulsa no IES Politécnico de Vigo Xeración Responsable para achegar os obxectivos de desenvolvemento sustentables

0

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe nun dos talleres dirixido aos alumnos de primeiro de Ciencias

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Vigo nun dos talleres que se impartiu no IES Politécnico dentro do programa da Xunta Xeración Responsable para achegar aos estudantes os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentables.

Un total de oito institutos galegos están a participar na segunda edición desta iniciativa das consellerías de Economía, Emprego e Industria e de Educación, Universidade e Formación Profesional coa que se busca difundir os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentables impulsados por Nacións Unidas para alcanzar no 2030 un mundo máis sustentable.

Deste xeito, os alumnos de primeiro de Ciencias reflexionaron e debateron sobre igualdade de xénero; un crecemento económico sustentable; a industria, a innovación e as infraestruturas; e a produción e o consumo responsables.

Marnotes explicou que Xeración Responsable pretende integrar a responsabilidade social nos contidos formativos ao tempo que se fomenta un pensamento máis aberto e innovador. O programa enmárcase na campaña europea Enterprise 2020, liderada en España por Forética que pon o foco no emprego sustentable. A Xunta é un dos socios institucionais desta campaña xunto co Ministerio de Emprego e Seguridade Social e os gobernos autonómicos de Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Estremadura, Illas Baleares, A Rioxa, Madrid, Murcia e Valencia e o Cabildo de Tenerife.

Xeración Responsable púxose en marcha o pasado ano a través dunha experiencia piloto na que participaron 200 alumnos nos talleres realizados nas catro provincias galegas. Os obradoiros acadaron espertar o interese dos estudantes en temas como a igualdade, a protección ambiental, a xeración de novas empresas máis sustentables, a equidade, o consumo e a diversidade.

O programa xa tivo lugar este ano nos IES María Sarmiento (Viveiro), Sanxillao (Lugo), Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), o IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra), o IES Macías O Namorado (Padrón) e o IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia). A iniciativa chegará mañá ao IES Universidade Laboral (Ourense).

A Responsabilidade Social EmpresarialA Administración Autonómica, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, está a difundir os valores da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) entre o tecido produtivo axudando ás pemes a implantar unha xestión baseada en comportamentos responsables. Para iso conta con diversos programas e axudas coas que apoiou o pasado ano a preto de 150 pemes, micropemes e autónomos para implantar sistemas de xestión de RSE, políticas encamiñadas a favorecer a igualdade no traballo e adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria neste campo está a investir este ano preto de 1,7 millóns de euros, case un 60% máis que en 2017.

Marnotes lembrou que Galicia foi pioneira a nivel nacional na aposta pola RSE para acadar un verdadeiro emprego estable e de calidade. De feito, foi en 2012 unha das primeiras comunidades en poñer en marcha un plan específico de RSE. Para a Xunta, en palabras da secretaria xeral de Emprego, a competitividade das empresas crecerá se existe un verdadeiro compromiso coa economía verde e responsable.


- Te recomendamos -