Inicio Galicia A Xunta impulsa en Silleda unha nova rede de distribución de calor...

A Xunta impulsa en Silleda unha nova rede de distribución de calor con biomasa que permitirá aforrar 90.000 euros ao ano en enerxía

0

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, e o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores, asistiron ao comezo das obras para poñer en marcha esta instalación, que supón un investimento de 817.000 euros dos que o Inega achega o 80%

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, asistiron hoxe en Silleda ao comezo das obras para a posta en marcha dunha nova rede de distribución de calor (district heating) con biomasa. Esta instalación suporá un investimento total de 817.000 euros, dos que o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) achega o 80%.

Tal e como sinalou o director xeral, esta infraestrutura, nunha primeira fase, subministrará auga quente sanitaria e calor a catro edificios públicos, un futuro centro de día e residencia, así como a un hotel.

A instalación contará con dúas caldeiras que consumirán 614 toneladas ao ano de biomasa, en concreto, estela local, o que permitirá valorizar os produtos forestais da zona. Ao mesmo tempo, permitirá aforrar 90.000 euros ao ano en combustible, ao tempo que se evita a emisión á atmosfera de máis de 350 toneladas de CO2 ao ano.

O apoio a esta iniciativa, a través da convocatoria de axudas para impulsar redes de distribución de calor, forma parte da Estratexia Integral de Impulso á Biomasa, coa que a Xunta promove o uso deste combustible con fins térmicos para impulsar o desenvolvemento das áreas rurais e do sector primario, favorecer a economía familiar e das pemes, xerar emprego cualificado e mellorar a calidade de vida da cidadanía.


- Te recomendamos -